O persoal do comercio acampa na Coruña contra o convenio estatal de grandes cadeas

Traballadoras e traballadores do sector reclaman diante da patronal coruñesa un acordo galego que protexa os convenios provinciais fronte ao marco de 'ARTE'
A CORUÑA folga comercio arte
26 May 2026

Un grupo de traballadoras e traballadores do comercio vario iniciou unha acampada diante da sede da patronal coruñesa, na praza de Luís Seoane, para reclamar a sinatura dun acordo interprofesional galego no sector. O obxectivo é blindar a prioridade dos convenios provinciais fronte ao convenio estatal promovido pola Asociación Retail Textil España, coñecida como 'ARTE', que, segundo denuncian, podería supoñer unha perda de dereitos laborais e salariais.

A mobilización busca dar visibilidade permanente ao rexeitamento do persoal do comercio a este novo marco estatal, nunha semana clave para a negociación. Están previstas reunións da mesa negociadora os días 26 e 27 de maio, ademais dun novo encontro o 2 de xuño, datas nas que as persoas mobilizadas temen que se tente pechar un acordo que consideran prexudicial para o sector.

Desde a representación sindical sosteñen que o convenio de 'ARTE' implicaría unha precarización das condicións laborais e deixaría fóra dos convenios provinciais a unha parte importante do persoal do comercio, especialmente nas grandes cadeas do téxtil e do calzado. Por iso reclaman á patronal un acordo galego que garanta que os dereitos conquistados en cada provincia non poidan ser substituídos por un marco estatal con peores condicións.

A protesta continuará este mércores, 27 de maio, cunha concentración nacional de delegadas, delegados e persoal do sector diante da sede da patronal coruñesa, ás 12.00 horas. A convocatoria pretende aumentar a presión sobre a Confederación de Empresarios da Coruña, á que acusan de manter unha posición reticente á apertura dunha negociación para garantir ese marco galego.

Unha das principais preocupacións expresadas polas traballadoras é que a aplicación do convenio estatal poida crear diferenzas dentro das propias tendas. Segundo explican, o persoal con condicións consolidadas mantería os seus dereitos por lei, pero as novas contratacións e o persoal eventual poderían entrar con salarios e condicións inferiores, xerando dous tipos de traballadores nun mesmo centro.

As persoas mobilizadas tamén advirten de que, se os convenios provinciais van decaendo, o conxunto do sector podería perder capacidade para negociar desde Galicia as súas propias condicións laborais. Neste contexto enmarcan a negativa da patronal coruñesa a constituír a mesa para renovar o convenio do comercio vario, que caducou o pasado 31 de decembro.

Coa acampada, o persoal do comercio busca manter a presión durante toda a semana e defender unha negociación colectiva de proximidade, con capacidade real para decidir sobre salarios, xornadas, dereitos sociais e condicións de traballo no sector.

0.35698795318604