O persoal do comercio de alimentación clama na Coruña por un convenio provincial digno

Asociación de Supermercados e Autoservizos de Galicia (ASAC) reclamou aos sindicatos responsabilidade para alcanzar un acordo
manifestacion-comercio-alimentacion-coruna
20 Sep 2026

Centos de traballadoras e traballadores do comercio de alimentación manifestáronse este domingo polas rúas da Coruña para reclamar condicións laborais e salariais xustas e denunciar o bloqueo na negociación do convenio sectorial provincial. A mobilización, convocada no marco do calendario de protestas acordado nas asembleas, precede ás novas xornadas de folga previstas para os días 10, 11 e 13 de outubro.

A CIG sinala que, tras meses de reunións, mobilizacións e numerosas xornadas de folga que paralizaron a actividade en almacéns e tendas, non se produciron avances suficientes para alcanzar un acordo que permita mellorar as condicións dun sector esencial que emprega milleiros de persoas na provincia, na súa maioría mulleres.

Segundo a organización sindical, as propostas da patronal continúan sen responder ás principais reivindicacións da parte social, entre elas a recuperación e mantemento do poder adquisitivo, a redución da xornada anual, a mellora da conciliación da vida laboral e persoal e o reforzo das condicións económicas e sociais do convenio. A CIG reclama, en definitiva, un acordo que recoñeza o esforzo do persoal nun sector que, segundo denuncia, continúa incrementando os seus beneficios.

O sindicato critica especialmente o papel da patronal liderada por Gadis e Froiz, á que acusa de trasladar propostas insuficientes nas diferentes materias e de non aceptar un complemento de antigüidade como o que teñen recoñecido os traballadores e traballadoras de Pontevedra. A CIG considera tamén que as empresas pretenden competir co resto de operadores mantendo baixos salarios e unha elevada xornada laboral.

A manifestación partiu ao mediodía da praza traseira do Centro Comercial Catro Camiños, onde está situado un supermercado Gadis, e percorreu as rúas da cidade ata os Xardíns de Méndez Núñez. Neste punto procedeuse á lectura dun manifesto no que se expuxeron as condicións laborais do sector e o estado actual da negociación do convenio.

A mobilización pretendeu trasladar unha mensaxe de unidade e reclamar o desbloqueo da negociación colectiva. A CIG chama así á participación nas tres novas xornadas de folga convocadas para outubro ante a falta de avances no proceso negociador.

Pola súa banda, a Asociación de Supermercados e Autoservizos de Galicia (ASAC) reclamou aos sindicatos responsabilidade para alcanzar un acordo que permita mellorar as condicións dos traballadores e, ao mesmo tempo, preservar o emprego e o comercio local.

ASAC sostén que o sector da alimentación da Coruña está actualmente negociando un novo convenio e afirma que o anterior permitiu aos traballadores gañar poder adquisitivo. A asociación asegura ademais que as empresas que a integran xa pagan entre un 6% e un 11% máis que a maioría dos seus competidores, aos que identifica como grandes operadores de fóra de Galicia.

Segundo ASAC, a proposta actualmente sobre a mesa contempla un incremento salarial do 4% en 2026 e do 12,2% acumulado en catro anos, ademais de mecanismos de protección vinculados ao IPC e melloras laborais, sociais e de conciliación.

A asociación sinala tamén que as organizacións sindicais que rexeitan a proposta asinaron para 2026 incrementos inferiores en empresas do mesmo sector e doutros ámbitos, polo que considera difícil entender que a oferta formulada na Coruña non se traducise aínda nun acordo.

ASAC advirte de que a prolongación do conflito pode ter consecuencias sobre as empresas locais e considera que un eventual debilitamento destas podería beneficiar aos grandes operadores de fóra de Galicia cos que compiten, mentres que o impacto recaería sobre o emprego, os traballadores e o comercio galego. A asociación asegura manter a vontade de pechar o convenio e confía en que a disposición das partes permita alcanzar un acordo.

0.38170003890991