O persoal do comercio mobilízase en Santiago para esixir un acordo galego que blinde os convenios provinciais

A protesta diante da Confederación de Empresarios de Galicia busca frear a aplicación do convenio estatal ARTE, que os sindicatos consideran un retroceso en dereitos laborais e salariais
compras-comercio-recurso
8 Jun 2026

As traballadoras e traballadores do sector do comercio volverán mobilizarse este martes, 9 de xuño, para reclamarlle á patronal galega a sinatura dun acordo marco interprofesional que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e impida a aplicación dos recortes de dereitos recollidos no convenio estatal ARTE.

A concentración desenvolverase ás 12.00 horas diante da sede da Confederación de Empresarios de Galicia, na rúa do Vilar de Santiago de Compostela, e enmárcase no calendario de folgas e mobilizacións que o persoal do sector mantén desde hai meses en defensa das súas condicións laborais e salariais e dunha negociación colectiva próxima aos traballadores e traballadoras.

A protesta chega nun contexto de crecente conflito laboral. Desde hai quince días, grupos de persoas empregadas do comercio manteñen unha acampada reivindicativa diante da sede da patronal coruñesa, á que sinalan como a máis reticente a avanzar cara a un marco galego de negociación. Segundo denuncian, esta organización négase de maneira sistemática a constituír a mesa negociadora do convenio provincial do comercio vario da Coruña, caducado desde o pasado 31 de decembro.

Paralelamente, este luns celebráronse asembleas informativas na propia acampada para analizar as consecuencias da sinatura do convenio estatal ARTE e acordar novas accións encamiñadas a garantir o mantemento das condicións laborais actuais. As organizacións sindicais consideran que a harmonización promovida pola patronal estatal ten como finalidade reducir a capacidade reivindicativa e negociadora existente en cada provincia.

Desde a CIG-Servizos advirten de que o convenio estatal, asinado polas grandes multinacionais do téxtil e do calzado como Inditex, Mango, H&M ou Primark xunto con CCOO e Fetico, suporá un retroceso nos dereitos conquistados a través da negociación colectiva provincial. Ademais, sosteñen que introducirá diferenzas nas condicións laborais entre o persoal xa contratado e as novas incorporacións, que pasarían a percibir salarios máis baixos e a contar con menos dereitos.

O sindicato asegura que a aplicación do convenio ARTE podería traducirse en perdas salariais de entre 2.000 e 5.000 euros anuais nas provincias da Coruña e Pontevedra. Tamén alerta da desaparición do complemento de antigüidade en Lugo e Ourense, da obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura comercial, dunha menor planificación de horarios e calendarios e da introdución da contratación fixa descontinua a tempo parcial.

A forte contestación do sector permitiu, segundo a organización sindical, suavizar algúns dos aspectos inicialmente previstos, como os recortes na cobertura das baixas médicas ou a exclusión dos tempos de descanso como tempo efectivo de traballo. Porén, estas garantías terían carácter temporal e limitaríanse ás provincias nas que xa están recollidas nos convenios vixentes.

Por todo iso, as traballadoras e traballadores do comercio anuncian que continuarán coa súa campaña de mobilizacións para reclamar á patronal galega a sinatura dun acordo marco interprofesional galego, seguindo o modelo existente no País Vasco, ou, alternativamente, a apertura dunha negociación para un convenio galego do comercio que permita preservar e ampliar os dereitos laborais do sector.

0.40911412239075