O persoal do comercio volverá á fola o 11 de maio contra o convenio estatal de ARTE

O persoal do comercio téxtil e do calzado das catro provincias galegas está chamado a unha nova xornada de folga o vindeiro luns 11 de maio para amosar o seu rexeitamento ao convenio estatal promovido pola patronal ARTE (Asociación Retail Textil de España). A protesta coincide ademais cunha nova reunión da mesa de negociación en Madrid, prevista para as 11.30 horas.
A convocatoria, impulsada pola CIG, dá continuidade ao calendario de mobilizacións iniciado nas últimas semanas contra o preacordo asinado o pasado 23 de marzo entre ARTE e os sindicatos CCOO e Fetico. Segundo denuncia a central sindical, este convenio suporía unha perda de dereitos laborais, a centralización da negociación colectiva e un empeoramento das condicións salariais e laborais do persoal do sector.
As mobilizacións desenvolveranse en diferentes cidades galegas. Haberá manifestacións e concentracións na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, coincidindo co paro de 24 horas convocado para esa xornada.
Dende a CIG-Servizos advirten de que a aplicación definitiva do convenio estatal implicaría “a desaparición ou a redución ao mínimo das negociacións provinciais” e alertan de que se consolidaría unha maior precarización no sector. O sindicato asegura que o novo marco afectaría tanto ás grandes cadeas comerciais como ao pequeno comercio, ao facilitar a negociación á baixa dos convenios provinciais.
A organización sindical reclama tamén á Confederación de Empresarios de Galicia a negociación dun acordo interprofesional galego que blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade fronte ao marco estatal. Segundo explican, xa trasladaron esta proposta en varias ocasións á patronal galega sen obter resposta positiva.
Entre as medidas recollidas no preacordo, a CIG destaca unha redución salarial anual de entre 2.000 e 3.000 euros nalgunhas provincias, a eliminación de complementos como a antigüidade ou a permanencia, a obrigatoriedade de traballar domingos e festivos de apertura comercial e unha maior flexibilidade horaria. Tamén denuncian a recuperación da categoría de axudante dependente durante 15 meses, a contratación fixa-descontinua a tempo parcial e recortes nos complementos por incapacidade temporal.
A folga terá distinto alcance segundo a provincia. Na Coruña afectará ao conxunto do comercio vario, mentres que en Pontevedra, Lugo e Ourense abranguerá ás empresas vinculadas á patronal ARTE e ás compañías do sector téxtil e do calzado con máis de 400 persoas traballadoras e grandes superficies comerciais.