O persoal do SAF de Santiago mobilízase polo impago da extra de verán

O Comité de Empresa convoca unha concentración este luns diante do Concello entre as 7.00 e as 22.00 horas
SANTIAGO raxoi concello
28 Jun 2026

O persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Santiago de Compostela mobilizarase este luns, 29 de xuño, para denunciar o impago da paga extraordinaria de verán por parte da UTE SIAD24-ASISTENZIA, concesionaria do servizo.

O Comité de Empresa convocou unha concentración-vixilia diante do Concello de Santiago, que se desenvolverá entre as 7.00 e as 22.00 horas. As representantes das traballadoras critican que a empresa non asumise ningún compromiso para aboar a paga tras a reunión mantida o pasado 25 de xuño, na que, segundo sinalan, se limitou a propoñer novos encontros sen ofrecer solucións concretas.

O comité denuncia que esta situación provoca un grave prexuízo económico ao persoal e xera incerteza nun servizo público esencial. Asegura que as traballadoras continúan atendendo ás persoas usuarias con profesionalidade, mentres a concesionaria incumpre unha das súas obrigas básicas.

As representantes do cadro de persoal reclaman tamén a implicación do Concello de Santiago como titular do servizo e piden que non permaneza á marxe dun conflito que afecta ás condicións laborais e á estabilidade do SAF.

O Comité de Empresa defende ademais a remunicipalización do servizo como vía para evitar que as traballadoras e a cidadanía sufran as consecuencias das dificultades económicas das empresas concesionarias. Non descarta novas mobilizacións se non hai unha solución inmediata.

0.30932879447937