O persoal do SAF de Tomiño mobilizouse para reclamar a dignificación do servizo e a súa municipalización

O cadro de persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Tomiño mobilizouse este sábado coincidindo coa celebración dun acto do Partido Popular na localidade para reclamar da Xunta de Galicia que asuma as súas competencias e garanta a dignificación do servizo e das condicións laborais. A protesta enmarcouse na campaña impulsada pola CIG-Servizos para esixir a municipalización do SAF ante o inminente remate da prórroga coa empresa concesionaria encargada da súa xestión.
A mobilización tivo lugar diante do pavillón da Sobrada e serviu para visibilizar as demandas das traballadoras e traballadores, que levan tempo reclamando un modelo de xestión pública para un servizo que consideran esencial. Dende a central sindical lembraron que a axuda no fogar é un servizo público cuxas competencias foron derivadas pola Xunta ás administracións locais sen o financiamento suficiente, o que provocou que moitos concellos optasen pola súa externalización a empresas privadas.
Segundo a CIG, esta situación contribuíu á precarización tanto das condicións laborais do persoal como da propia calidade asistencial. Por iso, a organización sindical defende a creación dun sistema galego de coidados público e de calidade, baseado na xestión directa dos servizos por parte das administracións.
A protesta produciuse poucos días despois dunha xuntanza mantida entre representantes sindicais e responsables municipais, na que se abordaron as reivindicacións laborais do persoal e o futuro modelo de xestión do SAF. Durante o encontro, a CIG trasladou a necesidade de establecer un contrato ponte dun ano, permitir a participación do persoal na elaboración do novo prego de condicións e abrir unha mesa de traballo para estudar alternativas á privatización.
Pola súa banda, o Goberno local comprometeuse a facilitar o borrador do prego de condicións para que a representación das traballadoras poida realizar achegas e mostrou disposición a valorar a formalización dun contrato dun ano con posibilidade de prórroga. Ademais, confirmou que a actual concesionaria, Idades, continuará prestando o servizo ata que se resolva o novo concurso de adxudicación.
A CIG anunciou tamén que o vindeiro 26 de xuño manterá unha nova reunión co Concello para continuar analizando tanto as demandas laborais do persoal como as posibles fórmulas de xestión futura do Servizo de Axuda no Fogar de Tomiño.