O persoal dos Centros Especiais de Emprego deberá cobrar polo menos o SMI tras unha consulta da CIG

A comisión paritaria do convenio galego de Centros Especiais de Emprego recoñeceu, tras unha consulta da CIG, que as súas táboas salariais están por debaixo do SMI. O persoal deberá percibir 1.184 euros mensuais como mínimo, sen complementos.
Folga
11 Jul 2025

A comisión paritaria do convenio colectivo galego de Centros Especiais de Emprego (CEE) recoñeceu, na súa reunión do pasado 3 de xullo, que as táboas salariais pactadas no marco do convenio están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). O recoñecemento produciuse tras unha consulta formulada pola CIG e supón que as persoas traballadoras deste sector deberán percibir como mínimo 1.184 euros mensuais en concepto de salario base, sempre que non dispoñan de complementos adicionais.

Desde a central sindical nacionalista celebran esta rectificación, que consideran resultado da presión das persoas delegadas e afiliadas da CIG nos Centros Especiais de Emprego. Denuncian que os sindicatos estatais asinantes do convenio (CCOO e UGT) aceptaron unhas táboas salariais que deixaban ás persoas traballadoras con discapacidade por debaixo do limiar legal.

A CIG lembra que non asinou o actual convenio galego de CEE precisamente porque, ao seu xuízo, “se está a empregar como unha ferramenta de explotación laboral, permitindo que se utilice a persoas con discapacidade como man de obra barata para as empresas”.

A central reivindica que se lles aplique ao persoal destes centros o convenio do sector da empresa na que desenvolven realmente a súa actividade. Con todo, esta opción foi impedida pola reforma laboral de 2021 impulsada polo Ministerio de Traballo e asumida pola Xunta de Galicia, algo que, segundo a CIG, “facilita a extensión da precariedade e dos baixos salarios no mercado laboral galego”.

Desde a Secretaría Confederal de Emprego da CIG alertan tamén sobre os vínculos entre determinados cargos políticos e o sector, ao afirmar: “Non é de estrañar que nuns anos algunha ministro/a ou algún conselleiro/a remate nun consello de administración dalgunha fundación que xestiona este tipo de Centros”.

⚙ Configurar cookies
0.2019419670105