O persoal dos grandes almacéns mobilízase en Galiza para reclamar condicións laborais dignas

A CIG-Servizos celebrou concentracións na Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Ferrol e Vilagarcía e convoca folgas para o 28 de novembro e os días 6, 13, 20 e 23 de decembro
manifestacion-cig-grandes-almancenes-vigo
24 Nov 2026

O persoal do sector dos grandes almacéns mobilizouse este martes, convocado pola CIG-Servizos, en distintas comarcas galegas para denunciar a precariedade laboral que padece e reclamar condicións laborais e salariais dignas. As concentracións, celebradas ás 12.00 horas en Vigo, A Coruña, Lugo, Ferrol, Vilagarcía e Santiago, forman parte dunha campaña de protestas iniciada o pasado mes de marzo e que continuará con novas xornadas de folga os días 28 de novembro e 6, 13, 20 e 23 de decembro.

A central sindical considera estas accións un novo paso na loita colectiva fronte ás políticas empresariais que, segundo denuncia, están a deteriorar progresivamente as condicións de traballo nun sector no que grandes compañías como Carrefour ou Alcampo continúan acumulando importantes beneficios mentres manteñen uns salarios que apenas superan o salario mínimo interprofesional (SMI).

A campaña abrangue non só as grandes cadeas de distribución, senón tamén as empresas auxiliares que lles prestan servizos e aquelas compañías que, malia contar con convenios propios, reproducen na práctica as condicións do convenio estatal de grandes almacéns.

Desde a CIG-Servizos denuncian que a transformación do sector, especialmente polo avance do comercio electrónico, está a ser utilizada polas empresas como escusa para intensificar a precarización laboral. A redución dos cadros de persoal, a falta de cobertura das baixas, vacacións e licenzas e a implantación de sistemas organizativos que incrementan as cargas de traballo están a provocar unha presión cada vez maior sobre o persoal.

Esta situación afecta especialmente a un sector altamente feminizado, cunha elevada porcentaxe de contratacións a tempo parcial e no que a conciliación da vida persoal, familiar e laboral resulta practicamente imposible. As quendas partidas, os horarios cambiantes e a imposición do traballo en domingos e festivos, sen compensacións adecuadas, forman parte da realidade cotiá de milleiros de persoas traballadoras.

A isto súmanse os incumprimentos dos descansos diarios e semanais legalmente establecidos, así como uns ritmos de traballo cada vez máis elevados que repercuten directamente na saúde física e mental do persoal, incrementando os problemas músculo-esqueléticos, o estrés e a ansiedade.

Desde a central sindical consideran «inaceptable» que, mentres as grandes compañías continúan acumulando beneficios millonarios, as persoas traballadoras teñan que soportar unhas condicións laborais cada vez máis precarias e unhas retribucións que non recoñecen a súa responsabilidade, polivalencia, dispoñibilidade nin esforzo diario.

A CIG-Servizos insiste en que a experiencia dos últimos anos demostra que a negociación centralizada en Madrid, en mans das grandes organizacións sindicais estatais, non está a dar resposta ás necesidades específicas do persoal galego. Pola contra, considera que está a consolidar un modelo de condicións laborais e salariais claramente insuficiente.

Por este motivo, defende a necesidade de que Galiza teña capacidade para decidir sobre as condicións laborais do seu comercio, apostando por un marco galego de negociación colectiva que teña en conta a realidade económica, social e laboral do país.

Entre as principais reivindicacións figuran o incremento dos cadros de persoal, a transformación dos contratos a tempo parcial en xornadas completas e a garantía das contratacións necesarias para acabar coa sobrecarga de traballo. Tamén reclama horarios estables e previsibles, o respecto dos descansos legais e da voluntariedade do traballo en domingos e festivos, así como salarios que recoñezan a responsabilidade, a polivalencia e a dispoñibilidade do persoal.

Outra das demandas é a creación dun Acordo Marco Galego de Comercio mediante a constitución dunha mesa de negociación propia que permita avanzar cara a un marco galego adaptado ás necesidades do sector e que garanta a defensa da negociación colectiva provincial fronte á centralización estatal.

As mobilizacións deste martes terán continuidade coas xornadas de folga convocadas para os días 28 de novembro e 6, 13, 20 e 23 de decembro. A CIG-Servizos chama o conxunto das persoas traballadoras do sector a participar activamente nas convocatorias e reforzar a organización e a resposta colectiva fronte á precariedade.

2.180939912796