O pickleball galego brilla no primeiro Campionato de España Xuvenil con tres títulos nacionais

Os deportistas galegos protagonizaron unha actuación histórica no I Campionato de España Xuvenil de Pickleball, celebrado os días 27 e 28 de xuño en Madrid, ao conquistar tres títulos nacionais e varios postos de podio nunha competición que reuniu ás mellores promesas deste deporte emerxente.
A representación galega estivo formada por oito xogadores pertencentes ao Pickleball Club Ferrol e ao Círculo Mercantil de Vigo, que lograron converter a comunidade na segunda máis laureada do campionato. O torneo, organizado pola RFET Pickleball, congregou a 64 parellas procedentes de toda España nas categorías sub-14 e sub-18.
Un dos grandes protagonistas foi o ferrolán Asís Garrido, de tan só 14 anos, que se proclamou campión de España en dobres masculino sub-18 formando parella co alacantino Héctor Sánchez. Ambos completaron un campionato impecable, superando todos os encontros da fase de grupos e impoñéndose con autoridade na final por 21-12. Garrido tamén acadou unha medalla de bronce en dobres mixto xunto a Ana Rubio.
Na categoría sub-14 chegou outro dos grandes éxitos galegos. Lucas Faraldo, de só 10 anos, e Hugo Nogueira proclamáronse campións de España en dobres masculino tras unha final moi disputada na que conseguiron remontar unha desvantaxe inicial de 0-7 para acabar levando a vitoria por un axustado 21-18. O triunfo adquiriu un valor especial pola idade de Faraldo e polo elevado nivel competitivo do torneo.
Hugo Nogueira sumou ademais un novo éxito ao converterse en subcampión de España en dobres mixto sub-14 xunto á galega Ariadna Pazos.
A participación galega completouse cun destacado subcampionato nacional en dobres feminino sub-14 logrado por Martina González e Ariadna Pazos. As dúas xogadoras estiveron moi preto do título nunha final de máxima igualdade, na que dispuxeron de dúas bólas de partido antes de caer por un emocionante 24-22.
Tamén sobresaeu o papel de Jesús Varela, que rematou na cuarta posición en dobres masculino sub-14, quedando ás portas das medallas.
Os resultados acadados consolidan o crecemento do pickleball en Galicia e sitúan especialmente a Ferrol como unha das canteiras máis prometedoras deste deporte en España. Nun momento de forte expansión desta disciplina a nivel internacional, o éxito da delegación galega confirma o potencial das novas xeracións e reforza o protagonismo da comunidade no desenvolvemento do pickleball nacional.