O Plan de formación para o agro galego amplíase con 196 cursos e máis de 4.500 horas lectivas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a ampliación do Plan de Formación para o agro galego cun total de 196 accións formativas, 27 máis que o ano pasado, que supoñen máis de 4.500 horas lectivas. A principal novidade deste plan é o reforzo dos módulos de aptitude empresarial agraria –que son “os que se esixen aos mozos que vaian a asumir por primeira vez unha explotación agraria”– xa que crece o número de accións e horas de formación impartidas, co fin de seguir diversificando a oferta con máis orientacións produtivas. Con estes cursos trátase de achegar a formación máis punteira ao sector e adaptala ás necesidades actuais de cada territorio, así como xerar unha relación profesional entre as futuras persoas profesionais.
Tal e como se recolle neste documento, o obxectivo deste plan é seguir modernizando as zonas agrícolas e rurais, fomentando e poñendo en común o coñecemento, a innovación e a dixitalización nelas. Do mesmo xeito, procúrase xerar formación continua para os agricultores, mediante a mellora do acceso á investigación, á innovación e ao intercambio de coñecementos.
A través deste tipo de iniciativas, foméntase a capacitación dos traballadores deste sector nos aspectos técnicos e económicos das súas actividades. As accións formativas tamén se centran no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e protección do medio, na mellora na eficiencia dos sistemas agrarios de produción, na calidade, eficiencia e novas tecnoloxías da industria agroalimentaria, na reordenación das producións, na bioeconomía e na aplicación das TIC ao sector. Os principais destinatarios destas accións son o persoal do sector agrario, especialmente a xente máis nova ou que se incorporara recentemente.
Neste sentido, o orzamento para financiar estes cursos é de preto de 803.000 euros, “Ampliándose así en case un 50 % respecto da última edición”, e consolidando a aposta do Goberno autonómico pola formación na rama agraria. Este investimento está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 28 % pola Xunta de Galicia e nun 12 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Estes cursos poden ser habilitantes, é dicir, que proporcionan unha acreditación exixida para desenvolver unha determinada actividade (como a aplicación de fitosanitarios, por exemplo), ou non exixibles, e impártense en modalidade presencial, telepresencial ou semipresencial. As accións abordan temáticas moi diversas, como a gandaría (con formacións para traballadores de vacún, de leite e carne, de ovino ou caprino), a apicultura, a viticultura, fruticultura ou a olivicultura, entre outras, co obxectivo de “cubrir as necesidades de remuda xeracional no sector primario galego”.
Este plan de formación ao agro enmárcase nas políticas da Unión Europea a prol da transferencia de coñecementos e o fomento da I+D+i no eido rural. Ademais, intégrase na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, aprobada pola Xunta en abril de 2022 e que aborda, tamén a través da I+D+i, a mellora do sistema de innovación agroalimentaria e forestal e a súa capacidade de resposta aos retos e estratexias.
Así, considérase que a formación agraria (agrícola, gandeira e forestal) e da industria agroalimentaria é unha das principais ferramentas de adaptación aos procesos de cambio tecnolóxico, económico e social en que están inmersos os sectores agrario e agroalimentario e, en xeral, o medio rural.