O plan de patrocinio dos equipos de alta competición abre a segunda fase da convocatoria

A Fundación Deporte Galego convida 150 equipos cun presuposto superior a 1,2 millóns de euros
Pazo-dos-Deportes-Lugo-dentro
16 May 2026

A Xunta, a través da Fundación Deporte Galego, publicou o anuncio da segunda fase da XVII edición do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia da temporada 2025/2026, que contará cun presuposto superior a 1,2 millóns de euros. Nesta fase convídanse 150 equipos galegos de alta competición, 56 deles femininos, 76 masculinos e 18 mixtos.

Con esta nova convocatoria, o presuposto total do Plan de patrocinio 2025/2026 supera os 3,4 millóns de euros, consolidándose como unha das principais ferramentas de apoio ao deporte galego de alto nivel e á visibilidade de Galicia a través dos seus equipos e deportistas.

Desde a temporada 2021/2022 o plan adáptase ao calendario de competición dos equipos galegos mediante un sistema dividido en dúas fases, permitindo así unha mellor adecuación á realidade deportiva das entidades. A consolidación deste programa e o compromiso das entidades patrocinadas, que seguen estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación Deporte Galego, permiten que os equipos continúen sendo un escaparate de primeiro nivel para proxectar a imaxe do deporte galego e do tecido empresarial da Comunidade, tanto a nivel nacional como internacional.

Coa suma desta temporada, o investimento acumulado no Plan de patrocinio desde a súa posta en marcha, no período 2009/2010, alcanza xa os 49,5 millóns de euros, no marco da aposta continuada da Xunta polo fortalecemento do deporte de alta competición.

0.27681994438171