O Pleno aproba o Plan Deputación, con 22,2 millóns de euros para repartir nos concellos da provincia


O Pleno Ordinario da Deputación de Lugo celebrado este martes vén de aprobar as bases do Plan Deputación de Lugo de Cooperación cos Concellos 2026, que sobe ata os 22,25 millóns de euros. Esta ferramenta de cooperación económica e técnica entre a Administración provincial e os municipios segue criterios públicos e obxectivos -a poboación, o índice de envellecemento ou a dispersión territorial- e mantén un respecto total á autonomía municipal. O programa de investimentos saíu adiante grazas aos votos a favor do PSdeG, do BNG e do deputado non adscrito, e a abstención do Partido Popular.
Este acordo permitirá aos 67 concellos da provincia desenvolver actuacións en materia de infraestruturas, creación de emprego, Servizo de Axuda no Fogar, actividades, eventos, administración electrónica ou protección civil. A Deputación de Lugo dá así resposta ás situacións e necesidades concretas de cada municipio, reforzando a súa autonomía, xa que é cada un dos diferentes gobernos locais os que deciden en que queren investir estes fondos provinciais.
Este é o sexto ano consecutivo que o Executivo provincial saca adiante o Plan Deputación no exercicio anterior ao seu período de vixencia, o que permite ás entidades locais planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poden aproveitar mellor estes recursos. A normativa que regula esta ferramenta de cooperación publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o 7 de xaneiro, o que permite aos concellos ter máis tempo para elaborar as memorias e proxectos das obras que queiran presentar con cargo a estes investimentos. Terán un mes, ata o 7 de febreiro, para presentar a documentación.
O PSdeG-PSOE puxo en valor, no marco do pleno da Deputación de Lugo, a importancia de dar continuidade ás políticas progresistas que se están a desenvolver na institución provincial, así como a actuación “contundente, áxil e rápida” do partido ante os acontecementos das últimas semanas.
Así o manifestou a deputada socialista Pilar García Porto, que subliñou que o pleno abordou “dous asuntos importantes que se aproban definitivamente para esta provincia”, en referencia ao orzamento da Deputación e ás bases do Plan Deputación.
García Porto lembrou que o orzamento provincial é “un instrumento económico fundamental non só para a institución, senón tamén para a totalidade dos concellos da provincia”, ao tempo que destacou o papel clave do Plan Deputación para o municipalismo. Segundo explicou, este plan permite que os concellos poidan executar investimentos esenciais e distribúe máis de 22 millóns euros con criterios obxectivos entre todos os municipios da provincia de Lugo.
Desde o PSdeG provincial salientan que a aprobación destes instrumentos reafirma a necesidade de seguir cun modelo de goberno progresista na Deputación, que sitúa o municipalismo, a cohesión territorial e os servizos públicos como eixos centrais da acción institucional.
Os populares abstivéronse na votación sobre a aprobación do Plan Único ao considerar que a contía prevista é “insuficiente”, xa que só aumenta un 1,14 % respecto ao ano pasado, equiparando esta situación á do orzamento xeral, que “ten un incremento tres veces menor”, segundo sinalou Ameijide.
En relación co orzamento, reclamaron que non se incluísen as súas propostas para incrementar en 10 millóns de euros procedentes de convenios “que se podían repartir entre os concellos”.
Tamén condenaron que “PSOE e BNG prefiran dilapidar o diñeiro de todos os lucenses en convenios a dedo antes que repartilo de forma igualitaria e con criterios obxectivos entre os concellos da provincia”.
Así mesmo, saíu adiante a proposta de cesión gratuíta dos paneis e do libro conmemorativo do 125 aniversario da banda de música do Concello de Antas de Ulla, así como a proposta do Concello de Navia de Suarna para a cesión gratuíta da titularidade dun inmoble.
José Tomé ocupou o seu lugar no salón á beira de Pilar García Porto pero non interveu en ningún dos puntos, aínda que votou cos socialistas.
REPROBACIÓN DE TOMÉ
Si saíu adiante a moción dos populares que reprobaba ao ata de agora presidente da institución, José Tomé, co apoio do BNG, tras as denuncias por presunto acoso sexual presentadas contra o exdirixente socialista na canle interna do PSOE.
A moción, impulsada polo PP, saíu adiante malia as críticas do BNG, que censurou a utilización política do asunto por parte dos populares. Pola súa banda, o PSOE presentou unha emenda para estender a condena a calquera comportamento de acoso con independencia do partido, que foi rexeitada e por iso votou en contra.
Durante o debate, o voceiro popular Antonio Ameijide solicitou tamén a reprobación da portavoz socialista, Pilar García Porto, á que cualificou de encubridora, e instou ao BNG a elixir entre o feminismo ou manter os cargos institucionais. Ameijide expresou o apoio do PP ás mulleres vítimas de acoso e acusou á dirección socialista de cambiar a súa versión dos feitos.
García Porto defendeu que non se ocultou información e acusou ao PP de utilizar politicamente o caso. Asegurou que o PSdeG actuou con rapidez e contundencia desde o momento en que tivo coñecemento oficial da denuncia, tras unha comunicación da dirección federal, e advertiu de que co tempo se coñecerá quen sabía que e cando.