O pleno da Deputación de Lugo debateu tres mocións sobre Mercosur e aprobou a do PSOE e a do PP

O Pleno da Deputación de Lugo estivo marcado este martes polo debate arredor do acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, nunha sesión na que se presentaron tres mocións distintas sobre esta cuestión e que saíron adiante as propostas do PSOE e do PP, mentres que a do BNG foi rexeitada. Foi ademais o primeiro pleno presidido por Carmela López, alcaldesa de Burela, nun contexto aínda condicionado polas recentes mobilizacións do sector agrario.
Cada grupo levou ao debate a súa propia iniciativa, con enfoques diferentes. PSOE e PP amosaron unha posición favorable ao acordo, aínda que condicionada ao reforzo dos controis e á garantía da seguridade alimentaria, mentres que o BNG defendeu o rexeitamento do tratado ao considerar que terá graves consecuencias para a produción agroganadeira galega. O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, acusou socialistas e populares de apoiar as protestas do sector mentres avalan o acordo nas institucións europeas. A moción nacionalista foi rexeitada cos votos en contra do PSOE.
A través da iniciativa socialista, o Pleno acordou instar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a defender os intereses do sector gandeiro, esixindo unha aplicación responsable do acordo con Mercosur. A proposta foi aprobada coa abstención do PP e o voto en contra do BNG. A presidenta da Deputación, Carmela López, subliñou que o novo escenario para o sector primario debe afrontarse con rigor e responsabilidade política. Pola súa banda, o deputado Xosé María Arias advertiu dos riscos dunha aplicación desequilibrada do tratado e defendeu a activación de cláusulas de salvagarda, o reforzo dos controis fronteirizos, a promoción da carne galega e unha PAC forte.
O Partido Popular tamén sacou adiante a súa moción en defensa do sector primario, co apoio do propio grupo popular, a abstención do PSOE e do deputado non adscrito, e o voto en contra do BNG. A proposta reclama máis fondos para a PAC, frear a aplicación provisional do acordo sen garantías e asegurar que os produtos importados cumpran os mesmos requisitos que os produtores locais. O portavoz popular, Antonio Ameijide, lamentou a falta de consenso e criticou tanto ao BNG como ao PSOE polas súas posicións en relación co tratado.
Fóra do debate sobre Mercosur, o Pleno aprobou unha iniciativa do goberno provincial para reclamar á Xunta un incremento do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata cubrir o seu custo real. A proposta contou cos votos favorables do PSdeG e do BNG e co rexeitamento do PP. Carmela López destacou que os concellos están a asumir unha carga económica excesiva na prestación deste servizo básico.
Así mesmo, o BNG conseguiu o apoio unánime do Pleno para reclamar ao Goberno do Estado que negocie coa Comisión Europea a exclusión da frota artesanal do Regulamento de Control da Pesca. O deputado Daniel García pediu que se dea voz en Bruxelas á pesca artesanal galega e instou á Xunta a exercer as súas competencias en augas interiores.
Por último, o PP volveu levar ao Pleno a situación da residencia e centro de día de Becerreá, sen éxito. Os populares denunciaron que o proxecto continúa bloqueado e acusaron ao goberno provincial de manter unha estratexia dilatoria. Ameijide criticou a consulta preliminar de mercado publicada en decembro e advertiu de que a privatización total do servizo suporía custos inasumibles para os usuarios. Segundo lembrou, o edificio leva catro anos rematado, pero permanece sen mobiliario, con 96 prazas residenciais e 40 de centro de día sen uso, ademais de medio cento de empregos sen crear.