O pontevedrés David Fernández proclámase subcampión de España de xadrez para cegos

Logrou o título tras un torneo que reuniu máis de 50 xadrecistas
david-fernandez-campion-espana-xadrez
12 Nov 2026

O deportista da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo David Fernández alzouse coa medalla de prata no XXXV Campionato de España Individual Absoluto da Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC), disputado na localidade andaluza de Bailén. Fernández Lago sumou catro vitorias e catro táboas nunha competición que reuniu 52 deportistas, alzándose co subcampionato cun balance total de seis puntos, 0,5 menos que o xadrecista catalán Gavril Draghici, quen acadou a medalla de ouro.

Integrante do primeiro equipo do club universitario, Fernández iniciou o torneo con dúas vitorias sobre os xogadores da federación madrileña Florentina Alcarón e José Luis Fernández, para logo sumar as súas primeiras táboas fronte ao canario Valeriano Septien. Tras vencer ao andaluz Pedro José Rubio, o xadrecista da EXP-UVigo pechou en táboas o seu enfrontamento con Draghici. Na sexta rolda, chegou o seu cuarto e último triunfo, ante o vasco Óscar Sáez, e o seu empate fronte a Roberto Clemente na penúltima xornada levouno a chegar á ultima rolda con medio punto de desvantaxe fronte a Draghici. Ambos completaron con táboas o seu último taboleiro, o que converteu o representante da federación catalá en campión de España, obtendo Fernández Lago a prata e Clemente o bronce.

Fernández Lago suma esta medalla de prata a un palmarés do que forman parte dous títulos de campión de España absoluto neste torneo da FEDC, nos anos 2023 e 2024, así como a medalla de bronce que acadou en 2025, ano no que foi tamén subcampión de España de xadrez rápido.

0.92078304290771