O PP de Lugo reclama ao Goberno medidas urxentes para protexer o sector lácteo fronte á crise de prezos

Os populares esixen, en Monterroso, reforzar os contratos, mellorar a posición negociadora dos produtores e garantir que o leite non se pague por baixo dos custos de produción
PP-Lugo-Monterroso-sector-lácteo
29 May 2026

O Partido Popular de Lugo reclamou en Monterroso ao Goberno de España un “firme compromiso” coa defensa do sector lácteo ante a situación actual de inestabilidade nos prezos, o aumento dos custos de produción e o desequilibrio existente na cadea de valor.

Os senadores José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro presentaron unha proposta que defenderán no Senado e na que solicitan medidas para mellorar a posición negociadora dos produtores, reforzar as condicións dos contratos do leite e modificar tanto a Lei da Cadea Alimentaria como o paquete lácteo para garantir a súa eficacia real.

Os representantes populares trasladaron estas reivindicacións durante unha visita a unha explotación de Monterroso e integrada por tres socios e 270 vacas en ordeño. Na visita estiveron acompañados polo alcalde da localidade, Eloy Pérez. Durante o encontro puxeron en valor “a calidade do leite galego”, promovida baixo o selo Galega 100 %, así como “as boas prácticas” dun sector que cualificaron de “estratéxico para Galicia e especialmente para a provincia de Lugo”.

Os senadores coincidiron cos gandeiros na necesidade de evitar que o leite se pague por baixo dos custos de produción e defenderon a importancia de garantir unha marxe de beneficio para as explotacións. Ademais, lembraron que Galicia é a principal comunidade produtora de leite de España e unha das rexións máis destacadas de Europa, cun forte peso territorial que contribúe á xeración de emprego, actividade económica e fixación de poboación no rural.

A proposta que o Grupo Popular levará á Comisión de Agricultura, Gandería e Alimentación inclúe o reforzo inmediato dos controis sobre os contratos lácteos para garantir a recollida do leite e evitar perdas polo produto non recollido. Tamén reclama modificar o Real Decreto que regula as condicións de contratación do sector lácteo co obxectivo de fortalecer a posición dos produtores e flexibilizar os períodos de revisión cando a situación do mercado así o requira.

Entre as medidas expostas tamén figura a modificación da Lei da Cadea Alimentaria para que todos os elos teñan acceso á información sobre os custos de produción. Ademais, os populares solicitan ao Executivo central a convocatoria do Observatorio da Cadea Alimentaria, intensificar as actuacións de inspección e control sobre trazabilidade, etiquetado e orixe do leite e produtos lácteos, así como reforzar os medios humanos e materiais destinados a estas tarefas.

O PP tamén aposta por impulsar campañas de promoción e información para reforzar entre os consumidores o coñecemento sobre a orixe, a calidade e o valor económico do leite galego. Por último, esixen ao Goberno unha defensa firme do sector lácteo español ante as institucións europeas.

0.35906195640564