O PP destaca en Sober o apoio da Xunta aos concellos rurais para reforzar o servizo de socorrismo durante o verán

Na comarca de Lemos, Sober, Quiroga, Pantón e O Saviñao recibiron un total de 18.575,87 euros para financiar a contratación de socorristas nas piscinas municipais
pp-socorristas-sober
3 Aug 2026

A deputada do Grupo Parlamentario Popular Raquel Arias destacou este luns en Sober a importancia das axudas da Xunta de Galicia destinadas á contratación de socorristas durante a tempada estival, especialmente nos concellos do rural, que, segundo indicou, dispoñen de orzamentos máis limitados para asumir este tipo de servizos.

Durante unha visita á piscina municipal, na que estivo acompañada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, Arias explicou que o Goberno galego destinou este ano 1,5 millóns de euros para financiar os gastos derivados dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas municipais de 187 concellos galegos, dos que 40 pertencen á provincia de Lugo.

No caso da comarca de Lemos, as subvencións beneficiaron aos concellos de Sober, Quiroga, Pantón e O Saviñao, que recibiron conxuntamente 18.575,87 euros para sufragar a contratación de socorristas nas súas piscinas municipais.

Raquel Arias lembrou que, aínda que a prestación deste servizo é competencia das entidades locais, “as achegas do Goberno galego para contratar socorristas durante o verán son fundamentais nos concellos do noso rural, ao contar con orzamentos máis limitados”. A deputada engadiu que o apoio da Xunta non se limita ás achegas económicas, senón que tamén inclúe coordinación operativa, cesión de medios materiais e formación especializada.

Neste sentido, subliñou que “todo co obxectivo de reforzar a seguridade nos espazos de baño” e incidiu en que “é fundamental que desde as Administracións se poñan os medios necesarios para que as familias poidan desfrutar con garantías e tranquilidade de praias e piscinas, dispoñendo de socorristas e das ferramentas necesarias para desenvolver o seu labor”.

A deputada popular lembrou ademais que a Xunta leva investidos desde 2015 máis de 27 millóns de euros na cesión de equipamento aos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

No eido da formación, destacou que a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ofrece este ano 455 prazas para cursos específicos de salvamento e socorrismo, fronte ás 350 do exercicio anterior. Así mesmo, sinalou que as novas vías de acceso ao Rexistro Profesional de Socorrismo permitiron incorporar máis de 600 persoas, polo que Galicia conta actualmente con 4.621 inscricións activas.

0.34841895103455