O PP leva ao Senado unha iniciativa para apoiar á frota pesqueira afectada polos temporais

Os populares reclaman compensacións económicas, exencións nas cotizacións e medidas europeas ante a paralización da actividade no mar
Pesca-fotos-barcos-baixura-2
11 Mar 2026

O Grupo Popular presentou na Comisión de Pesca do Senado unha iniciativa coa que pretende instar ao Goberno de Pedro Sánchez a adoptar medidas de apoio urxentes para o sector pesqueiro, afectado polos últimos temporais que castigaron con intensidade a costa galega e o resto do litoral español. A proposta foi defendida polo portavoz popular nesta comisión, o senador galego Manuel Ruiz, e conta tamén coa participación do mariñán José Manuel Balseiro.

Segundo explican os populares, as sucesivas borrascas e frontes atlánticas rexistradas nas últimas semanas provocaron episodios de choivas intensas e un estado do mar que dificultou ou mesmo impediu a actividade da frota. Esta situación afectou especialmente á pesca de baixura e ao marisqueo, actividades que dependen en gran medida das saídas diarias ao mar para manter a súa rendibilidade económica.

Ante este escenario, o Partido Popular solicita ao Executivo central a posta en marcha de mecanismos de compensación que sexan automáticos e áxiles, co fin de paliar as perdas que sufriron as persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro debido aos danos ocasionados polos fenómenos meteorolóxicos adversos.

Entre as medidas que propoñen figura tamén a exención do pago das cotas á Seguridade Social durante todo o período no que se produzan estas condicións climáticas desfavorables, tendo en conta que a actividade pesqueira queda paralizada por razóns de seguridade cando o estado do mar non permite saír a faenar.

Ademais, os senadores populares consideran necesario que o Goberno de España inicie os trámites ante a Comisión Europea para solicitar a adopción dunha medida excepcional ao abeiro do artigo 26 do Regulamento (UE) 2021/1139, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura. Esta ferramenta permitiría activar instrumentos específicos de apoio ao sector en situacións extraordinarias provocadas por fenómenos climáticos extremos.

Desde o Grupo Popular subliñan que os temporais marítimos constitúen un dos principais factores de risco para a actividade pesqueira, xa que condicionan directamente a posibilidade de saír ao mar. En moitas ocasións, explican, as embarcacións deben permanecer amarradas por motivos de seguridade, o que xera unha situación de incerteza para os profesionais do sector.

Os populares lembran tamén que as continuas borrascas das últimas semanas impediron que moitas embarcacións desenvolvesen o seu traballo con normalidade. No caso da pesca artesanal e do marisqueo, esta situación resulta especialmente complicada, xa que a súa actividade depende do acceso diario ao recurso.

Outro dos aspectos que destacan é que os días perdidos pola meteoroloxía adversa non se poden recuperar posteriormente. Ao tratarse de produtos perecedoiros, os recursos mariños deben ser comercializados de maneira continua para abastecer aos mercados, polo que as perdas económicas derivadas da paralización da actividade son, na maioría dos casos, irreversibles.

A esta circunstancia súmase o feito de que as empresas e profesionais do sector deben seguir afrontando gastos fixos, entre eles os custos laborais e as cotizacións sociais, mesmo cando non poden exercer a súa actividade. Segundo apuntan desde o PP, isto converte ao sector marítimo-pesqueiro nun dos poucos ámbitos produtivos que continúan asumindo estes custos sen posibilidade de xerar ingresos durante os períodos de inactividade.

No caso de Galicia, a Xunta xa puxo en marcha diferentes actuacións para avaliar o impacto dos temporais. A Consellería do Mar, a través dos biólogos de zona e en colaboración coas confrarías de pescadores, iniciou unha campaña extraordinaria de mostraxes nos bancos marisqueiros das rías co obxectivo de analizar o estado dos recursos tras os episodios meteorolóxicos adversos.

Desde o Goberno galego reiteraron ademais o seu compromiso de continuar traballando en coordinación co sector para deseñar medidas que permitan apoiar aos profesionais e garantir a recuperación e sustentabilidade do marisqueo mentres se normaliza a situación dos bancos marisqueiros.

Pesca-fotos-barcos-baixura-Celeiro
Pesca-fotos-barcos-baixura-3
0.39134001731873