O PP pide explicacións ao Goberno central pola súa inacción ante o veto europeo á pesca de fondo

O Partido Popular vén de presentar iniciativas tanto no Senado como no Congreso para que o Goberno de Pedro Sánchez aclare cal é a súa postura tras a desestimación dos recursos interpostos pola OPP-7 Porto de Burela, coa colaboración da Xunta de Galicia e do propio Estado, contra as restricións á pesca de fondo impostas pola Comisión Europea no ano 2022.
Estas vedas, que afectan a zonas pesqueiras de Portugal, España, Francia e Irlanda, foron decretadas polo comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, e supoñen un duro golpe para o sector, especialmente para a provincia de Lugo. Así o manifestaron os senadores populares lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, xunto cos voceiros de Pesca do PP nas dúas cámaras, Manuel Ruiz e Rosa Quintana, que coinciden en sinalar que "a flota lucense é a máis prexudicada de toda España".
Dende o PP consideran que "está en risco a viabilidade dun sector estratéxico" e reclaman ao Executivo central que concrete cal é a súa valoración da situación actual e que medidas ten pensado adoptar para defender aos profesionais do mar. Os populares lembran que o Goberno xa debera ter actuado desde 2022, cando se aprobaron estas vedas.
Entre outras cuestións, preguntan se o Executivo de Sánchez prevé interpoñer recurso de casación ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea contra a recente sentenza que avala o regulamento europeo que establece limitacións á pesca de fondo en determinadas zonas.
Así mesmo, os populares demandan que o Goberno explique se ten previsto solicitar unha revisión do citado regulamento europeo, e se dispón de estudos científicos actualizados que acrediten ou desmintan a presenza de ecosistemas vulnerables nas áreas afectadas. A presenza destas especies mariñas fráxiles foi, precisamente, o argumento esgrimido pola Comisión Europea para xustificar as restricións.
Neste sentido, preguntan tamén que análises se teñen realizado desde 2022 para determinar o impacto real que poida ter o uso do palangre de fondo, unha arte de pesca tradicional, nas zonas afectadas polas vedas.