O PP veta no Parlamento a proposta do BNG para frear a deslocalización empresarial en Galiza

O Partido Popular vetou este martes no Parlamento de Galicia a tramitación da Proposición de Lei presentada polo BNG para frear a deslocalización empresarial. A iniciativa nacionalista buscaba garantir o retorno social das axudas públicas, obrigando ás empresas a manter a súa actividade en Galiza durante polo menos dez anos.
Entre as medidas propostas incluíase o reintegro das subvencións públicas en caso de deslocalización, cun recargo adicional do 25%, así como a creación dunha unidade de análise sobre o fenómeno da deslocalización no seo da Xunta.
“O que fixo o PP hoxe foi darlle carta branca ás empresas que reciben millóns en axudas públicas e despois botan o feche, deixan na rúa centos de traballadores e levan a produción fóra”, denunciou o deputado do BNG Brais Ruanova. “É un insulto para Galiza e para quen defende un tecido produtivo digno”.
Ruanova lembrou que sectores chave como o téxtil, a automoción ou a conserva levan anos sufrindo os efectos da deslocalización, e defendeu que a proposta non pretendía frear o crecemento empresarial, senón poñer límites ao “espolio encuberto” que se está financiando con fondos públicos.
“O PP di que defende a industria, pero cando se trata de protexer os empregos e poñer condicións ás subvencións, ponse do lado das multinacionais e non da clase traballadora nin das comarcas que dependen destas fábricas”, concluíu.
O BNG xa anunciou que volverá presentar a iniciativa e buscará apoios sociais e sindicais para impulsala.