O PP veta no Senado a proposta do BNG para recoñecer ás mulleres vítimas do Padroado franquista

A maioría absoluta do Partido Popular no Senado rexeitou a iniciativa presentada polo BNG para recoñecer e reparar ás mulleres represaliadas polo Padroado de Protección da Muller, unha institución franquista que permaneceu activa até 1985. A senadora nacionalista Carme da Silva lamentou o veto a unha moción que buscaba visibilizar a vida das milleiros de mulleres que sufriron persecución, castigo e silencio durante décadas.
Durante a defensa da iniciativa, Carme da Silva lembrou que “desde 1941 até 1985 pasaron pola institución milleiros de mulleres intelixentes, libres, que se negaban a aceptar o que o nacionalcatolicismo lles impuña”. Na Galiza existiron 12 centros do Padroado, e máis de 900 en todo o Estado. Todas elas, subliñou, foron “invisibilizadas, silenciadas, encarceradas, torturadas, escravizadas e, finalmente, esquecidas”.
A proposta do BNG reclamaba un recoñecemento colectivo para todas estas mulleres, así como a súa inclusión efectiva na Lei de Memoria Democrática como vítimas do franquismo. “Para reparar a inxustiza hai que recoñecelas primeiro, e facelo de maneira colectiva”, insistiu a senadora, quen lembrou que o Goberno anunciara en xuño un acto de recoñecemento previsto para setembro, que nunca chegou a celebrarse.
A iniciativa tamén instaba a impulsar traballos de investigación sobre a represión exercida polo Padroado, co obxectivo de estudar e divulgar as vidas das mulleres afectadas. O veto do PP, lamenta da Silva, impide avanzar nese camiño: “Non abonda con pedir perdón nin con recoñecementos individuais. Queremos xustiza e reparación para miles de mulleres que padeceron unha persecución cruel”.
Carme da Silva comprometeuse a seguir traballando para “facer xustiza con todas esas mulleres que foron privadas de liberdade por defender valores democráticos e querer ser libres”, e denunciou que a negativa do PP “impide recuperar unha parte esencial da memoria democrática”.