O PPdeG levará ao Parlamento unha iniciativa para condenar a vandalización das súas sedes

O Partido Popular de Galicia levará ao Parlamento galego unha iniciativa para instar á oposición a manifestar a súa vontade de condenar a vandalización das sedes do PP atacadas esta semana, así como para esixir unha política respectuosa, democrática e plenamente legal. A proposta tamén se trasladará a todas as agrupacións locais e provinciais de Galicia para que poida ser debatida nos concellos e deputacións.
O anuncio foi realizado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e pola presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal, Elena Candia, durante unha visita á sede provincial lucense, que resultou afectada por empapelados e consignas. No acto participou tamén a presidenta das Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira.
Paula Prado afirmou que os ataques rexistrados responden a consignas que buscan xerar conflitividade social e polarización, afastadas do carácter tranquilo da sociedade galega. Sinalou que este tipo de accións non poden ser consideradas políticas, senón violentas, e pediu a todos os partidos que non sexan cómplices e condenen claramente estes feitos. A secretaria xeral lembrou ademais que hai dous anos nin os independentistas nin os socialistas condenaron unha vandalización similar sufrida polo PP na cidade de Lugo.
Pola súa banda, Elena Candia fixo un chamamento a unir forzas e a lanzar unha mensaxe común desde Lugo, unha cidade que, segundo lembrou, sufriu en reiteradas ocasións actos vandálicos contra formacións políticas. Candia explicou que os ataques taparon logos e imaxes da sede con frases e símbolos que o PP condena, polo que reclamou unha condena clara por parte de todas as forzas políticas.
A portavoz popular en Lugo animou aos partidos e ás entidades que colaboran con eles a ser exemplarizantes e a defender a convivencia democrática. Subliñou que Lugo debe expresar de maneira clara a súa condena a este tipo de ataques, tanto contra sedes de partidos como contra espazos privados pertencentes a militantes. Candia cualificou estes feitos como prácticas absolutamente antidemocráticas e inaceptables, e instou á oposición a posicionarse con claridade fronte ao sucedido.
Paula Prado fixo tamén referencia ao que definiu como desgoberno no Concello de Lugo, provocado polo pacto entre independentistas e PSOE, fronte a un PP que quedou a un concelleiro da maioría absoluta. Neste contexto, puxo en valor a figura de Elena Candia como futura alcaldesa da cidade, fronte a un goberno local que, segundo afirmou, está máis preocupado polas súas disputas internas e por normalizar acordos como o denominado Pacto Guarro, asinado para manter a Deputación de Lugo co apoio dun presunto acosador sexual.
Desde o PPdeG xustifican a urxencia da iniciativa parlamentaria pola gravidade e reiteración dos feitos acontecidos, así como pola necesidade de contar cun posicionamento claro en defensa do respecto institucional, do uso responsable dos espazos comúns e da convivencia democrática. Os populares consideran que o empapelado e a colocación de carteis en diversas fachadas de Galicia supoñen unha vulneración do dereito á propiedade, do respecto institucional e das normas básicas de convivencia cidadá.
A iniciativa tamén recolle a escalada destes ataques, que se produciron non só en sedes políticas, senón tamén en inmobles alleos á actividade partidaria polo feito de seren propiedade de militantes. Para o PPdeG, estas actuacións teñen como único obxectivo xerar crispación, polarización e conflitividade social, e son propias de réximes autoritarios alleos ao espírito democrático.