O PPdeG reclama máis medios contra o furtivismo tras reunirse coa confraría da Coruña

Os deputados Nazareth Cendán e Jesús Fernández destacan o labor dos servizos de vixilancia e advirten do risco sanitario, económico e ambiental da extracción ilegal de marisco
A CORUÑA furtivismo
22 Jun 2026

O PPdeG puxo en valor o traballo dos servizos de vixilancia das confrarías fronte ao furtivismo, unha actividade ilegal que, segundo a formación, está cada vez máis organizada e supón unha ameaza directa para o sector marisqueiro galego.

Os deputados do Grupo Popular Nazareth Cendán e Jesús Fernández mantiveron un encontro co servizo de vixilancia da confraría de pescadores da Coruña, no que abordaron a necesidade de reforzar os medios dispoñibles para combater estas prácticas.

Desde o PPdeG consideran imprescindible aumentar o apoio material e humano aos equipos de vixilancia, así como avanzar en novos métodos que permitan disuadir, perseguir e aplicar sancións efectivas contra os infractores. A formación sostén que o actual sistema de multas económicas resulta insuficiente, xa que moitos furtivos se declaran insolventes e volven reincidir.

Durante a reunión tamén se abordaron os últimos operativos desenvolvidos na contorna da Torre de Hércules e no paseo marítimo de Monte Alto, nos que participaron o servizo de vixilancia da confraría, a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e Gardacostas.

Os populares advertiron ademais do risco que supón para a saúde pública a extracción e comercialización de marisco sen control sanitario. Segundo trasladaron, estes dispositivos buscan actuar non só contra a extracción ilegal, senón tamén contra o transporte, distribución e venda de produto sen garantías.

O PPdeG tamén incidiu no prexuízo que o furtivismo provoca aos profesionais do mar que cumpren as vedas e respectan a normativa. A maiores, alertan do dano ambiental que pode causar a extracción masiva e sen control, ao dificultar a rexeneración das especies.

A formación lembrou que a confraría da Coruña recibiu preto de 160.000 euros ao abeiro das axudas autonómicas de 2025 para reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal.

0.35206007957458