O PPdeG reivindica en Verea o apoio da Xunta á conservación das razas autóctonas galegas

Os deputados Cristina Campero e Miguel Viso visitaron unha explotación de raza Limiá e destacaron a convocatoria de axudas de 390.000 euros para fomentar a recría de ruminantes ameazados
pp-granxa-verea
4 Aug 2026

O PPdeG puxo en valor o compromiso da Xunta coa conservación e a cría das razas autóctonas galegas durante unha visita á explotación gandeira Balín, no concello de Verea. Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Campero e Miguel Viso coñeceron o traballo que se desenvolve nesta explotación dedicada ao gando vacún da raza Limiá e destacaron as axudas autonómicas destinadas á recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas.

Segundo explicaron, a convocatoria deste ano conta cun orzamento de 390.000 euros, dos que 350.000 euros se destinan ás explotacións de gando bovino e os 40.000 euros restantes ás de ovino e caprino. Cada explotación poderá recibir ata un máximo de 15.000 euros para apoiar a recría de femias e machos das razas autóctonas galegas ameazadas e reforzar a viabilidade destas explotacións.

Cristina Campero asegurou que estas axudas son “unha mostra do compromiso real e con feitos” da Xunta co sector gandeiro e coas persoas que traballan na conservación do patrimonio xenético galego. A deputada popular sostivo que apoiar a recría das razas autóctonas supón investir en biodiversidade, sustentabilidade e tamén en oportunidades para o rural. Ademais, destacou que as explotacións que apostan por estas razas contribúen a preservar o territorio, manter vivo o rural, producir alimentos de calidade e mellorar a competitividade do sector.

Pola súa banda, Miguel Viso afirmou que “a verdadeira defensa do rural faise con políticas útiles”, mediante recursos que chegan directamente aos gandeiros e favorecen a remuda xeracional e a continuidade dun modelo produtivo vencellado ao territorio. O deputado sinalou que estas axudas tamén permiten conservar un patrimonio xenético único que achega un importante valor engadido ás producións gandeiras galegas.

Durante a visita á explotación, os representantes populares tamén intercambiaron impresións cos responsables sobre a situación do sector e os principais retos das explotacións dedicadas ás razas autóctonas. Ambos coincidiron na necesidade de continuar impulsando políticas que favorezan a modernización, a rendibilidade e a remuda xeracional.

Os deputados concluíron reiterando o compromiso da Xunta co sector primario e defenderon a continuidade de medidas orientadas a reforzar a competitividade das explotacións gandeiras, contribuír á conservación das razas autóctonas e favorecer a fixación de poboación no rural.

0.35649108886719