O PPdeG salienta a aposta da Xunta pola tecnoloxía, medios e prevención para a loita contra o lume

O PPdeG salientou a aposta da Xunta pola tecnoloxía, polo reforzo de medios persoais e materiais e pola prevención como eixos clave na loita contra os incendios forestais.
Durante unha visita ao Centro de Coordinación Provincial de Loita contra os Incendios Forestais, en Ourense, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Cristina Campero e Miguel Viso, fixeron fincapé nas principais novidades tecnolóxicas incorporadas este ano ao dispositivo autonómico. Entre elas, sinalaron a ampliación da rede de videovixilancia nun 30%, con 241 cámaras distribuídas en 111 puntos estratéxicos de Galicia e das que arredor de 70 se sitúan na provincia ourensá.
Así mesmo, referíronse á plataforma XeoCode e á aplicación móbil ALume. A primeira delas, e grazas á incorporación da Intelixencia Artificial, analiza en tempo real as imaxes captadas polas cámaras de videovixilancia para detectar automaticamente columnas de fume e posibles focos nas súas fases iniciais, xerando alertas inmediatas que, posteriormente, son verificadas polos técnicos dos centros de coordinación. Pola súa banda, a aplicación móbil ALume converte á cidadanía nun aliado máis na prevención dos incendios forestais, xa que permite comunicar, tamén en tempo real e de forma rápida e sinxela, a existencia dun posible lume mediante a xeolocalización automática.
A deputada popular Cristina Campero sinalou que “a prevención e a detección temperá é a mellor ferramenta para combater os incendios forestais e Galicia está a situarse á vangarda coa incorporación de novas tecnoloxías que permiten actuar con maior rapidez e eficacia”.
Sobre a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA), no que se incorporan todas estas novidades, dixo que, para este 2026, conta cun orzamento de 213M€, “o maior investimento da súa historia, dos cales, sinalaron, máis de 75M€ destínanse, especificamente, ás actuacións de prevención. Un incremento, incidiu Cristina Campero, do 50% con respecto ao ano anterior, o que se traduce nun “esforzo sen precedentes” e que permitirá continuar mellorando a capacidade de anticipación, detección e resposta ante os lumes.
Nesta mesma liña, recordou que o operativo deste ano mobilizará máis de 7.000 efectivos entre diferentes administracións: “Detrás de cada incendio que se consegue evitar ou controlar hai meses de planificación, investimento e coordinación. A Xunta segue demostrando con feitos e con recursos que a prevención continúa a ser a súa principal prioridade”, sinalou.
UN CENTRO Á VANGARDA
Durante o encontro, que serviu para coñecer de primeira man o funcionamento do operativo de prevención e defensa contra os incendios forestais, Miguel Vixo puxo en valor o compromiso do Goberno galego co reforzo dos medios humanos, materiais e tecnolóxicos destinados á protección do monte galego. Neste senso, tal e como destacou, “a aposta da Xunta non consiste unicamente en aumentar os recursos, senón tamén en modernizar o sistema para adaptalo aos novos desafíos que presentan este novo tipo de incendios”.
Acompañados polo director territorial da Consellería do Medio Rural, José Manuel Armada, o deputado popular aproveitou para enxalzar o traballo que desenvolven diariamente os profesionais deste centro, unha infraestrutura esencial para a planificación e coordinación do operativo autonómico na provincia. E é que, tal e como explicou Miguel Viso, desde estas instalacións realízase o seguimento permanente das incidencias, coordínanse os distintos medios de prevención e extinción, xestiónanse os recursos despregados sobre o territorio e “garántese unha resposta rápida e eficaz ante calquera emerxencia”, grazas ao labor dos profesionais que traballan durante todo o ano ao servizo da protección do monte galego.