José Tomé, ante as supostas denuncias de acoso sexual: "Todo é mentira e falso"

O programa de televisión Código 10 fixo público que José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, alcalde de Monforte e secretario xeral do PSOE na provincia, foi sinalado por un presunto caso de acoso sexual.
Segundo explicou o espazo televisivo, polo menos seis mulleres trasladaron os seus relatos aos investigadores do programa, achegando escritos e testemuños nos que describen situacións que, segundo unha delas, eran “un segredo a voces” na provincia. “Todo o mundo o sabe”, afirmou esta muller nun dos documentos revelados en antena.
As acusacións foron expostas nun contexto no que varias das supostas afectadas aseguran que advertiron desta situación a tres dirixentes autonómicos do PSOE, pero, segundo relatan, non obtiveron resposta nin medidas por parte da organización.
Ante a ausencia de actuación interna, as denunciantes acudiron posteriormente ao canal oficial de comunicacións internas do partido, no que tamén rexistraron as súas queixas sen conseguir avances ata o de agora.
Durante a emisión, tamén participou Ana Vázquez, deputada do PP no Congreso por Galicia, quen sostivo que Tomé “sempre amosou condutas impropias dun cargo público, con comentarios fóra de lugar, misóxinos e machistas”.
Os feitos cobran especial relevancia porque José Tomé forma parte do comité federal do PSOE, un órgano clave na estrutura estatal da formación e próximo ao núcleo máis influínte arredor de Pedro Sánchez.
ROLDA DE PRENSA
José Tomé Roca, que mantivo intacta a súa axenda, compareceu en rolda de prensa esta mañá no Concello de Monforte para presentar a iniciativa dun autobús rural. Porén, tivo que ser interrompida debido ás preguntas dos e das xornalistas, que non paraban de preguntarlle polas supostas denuncias de mulleres por "acoso sexual".
O rexedor monfortino e presidente da Deputación de Lugo asegurou, fronte aos medios de comunicación, que "todo o que saíu no programa de Cuatro é mentira e falso", así como que "non hai probas das acusacións" nin ten coñecemento de denuncias internas no seo do PSOE. Por iso, reafírmase en que todo "é mentira", polo que anunciou que falará cos seus avogados para "tomar as medidas pertinentes".
DECLARACIÓNS DO BNG
O BNG reaccionou ás acusacións contra Tomé Roca, facendo un chamamento á responsabilidade política e á transparencia. Nun comunicado, a formación nacionalista subliña o seu compromiso absoluto contra a violencia machista e expresa solidariedade coas vítimas, sen importar quen sexa o acusado.
O partido tamén insta ao PSdeG a ofrecer explicacións inmediatas e a garantir que o caso sexa investigado a fondo, lembrando que a cidadanía merece información clara e que as organizacións políticas dean a cara desde o inicio.
Ademais, sinalan que pola gravidade dos feitos, José Tomé debería apartarse das súas funcións e abandonar tanto responsabilidades políticas como orgánicas, defendendo unha postura de tolerancia cero fronte á violencia machista en todos os ámbitos.
COMUNICADO DO PP PROVINCIAL
O Partido Popular da provincia de Lugo trasladou o seu máximo respecto e apoio ás presuntas vítimas que denunciaron os feitos, e, respectando a presunción de inocencia, expresou o seu estupor e preocupación ante estas graves acusacións, condenando con firmeza este tipo de condutas.
O PP esixe ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, explicacións inmediatas, claras e transparentes sobre os incidentes relacionados con casos de presunto acoso sexual a compañeiras de partido denunciadas a través das canles internas do PSOE. Do mesmo xeito, demanda que os responsables do PSOE que supostamente coñecían estas denuncias —o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; e a secretaria de Organización do PSOE lucense, Pilar García Porto— tamén ofrezan aclaracións sobre os feitos e a súa presunta inacción.
O PP insta, ademais, ao PSOE a adoptar as medidas disciplinarias e de calquera outra índole que correspondan sobre o presunto responsable e sobre os coñecedores das denuncias que non actuaron. O partido agarda tamén que outras formacións políticas, especialmente o seu socio de goberno, o BNG, se sumen a esta reivindicación, esixan esclarecer estes feitos e impulsen as medidas oportunas. Finalmente, reitera o seu apoio ás mulleres e ás presuntas vítimas deste caso.
SUMAR GALICIA VAI MÁIS ALÓ E PIDE A DIMISIÓN DO MANDATARIO
A presidenta de Movemento Sumar Galicia, Verónica Barbero, cualificou como “inadmisible e profundamente indecente” a situación denunciada e cargou contra a protección dos agresores dentro das institucións. Barbero subliñou que “a institucionalización do silencio e a protección dos agresores convertéronse nunha forma máis de violencia contra as mulleres” e pediu a dimisión inmediata do presidente da Deputación de Lugo.
Segundo Barbero, as denuncias non son casos illados, senón a proba dun sistema político e institucional que amparou, permitiu e normalizou comportamentos abusivos baixo xerarquías pechadas, lealdades mal entendidas e códigos non escritos que premiaban o silencio por encima da integridade das mulleres. “Cando unha institución permite que isto ocorra, cando minimiza ou tapa o que sucede, está dicíndolles ás mulleres que non serve de nada denunciar, que non serán cridas e que nada vai cambiar”, destacou, ao tempo que instou ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a actuar de maneira inmediata e contundente.
A organización tamén advertiu de que ningún espazo político ou institucional está completamente exento de casos de acoso, pero insistiu en que a clave está na resposta que se dá. “O mínimo que se lle pode esixir a un partido que se proclama feminista é non encubrir nin protexer ao culpable, senón reaccionar con rapidez, poñer ás mulleres no centro e garantir a súa protección inmediata”, explicou Barbero, quen insistiu en que a capacidade de actuar sen ambigüidades fronte ás violencias machistas define a unha organización democrática.
Barbero rematou lembrando que a responsabilidade política é ineludible: “Quen preside unha institución e actúa deste xeito non pode seguir nin un minuto máis no cargo. Debe dimitir como presidente da Deputación e o PSOE debe apartalo de todos os seus cargos orgánicos, porque a democracia non admite zonas escuras nin pactos de silencio fronte ás violencias machistas”. Movemento Sumar Galicia trasladou o seu apoio ás mulleres que denunciaron, recoñecendo a súa valentía, e apelou á política para asumir responsabilidades e romper co sistema que protexe aos agresores.