O profesorado de Clásicas denuncia que 47 institutos galegos non ofrecen Latín e Grego presencial

A CIG-Ensino alerta de que máis de 200 estudantes están sendo derivados á educación a distancia e reclama á Consellaría que cubra as vacantes e paralice a amortización de prazas por xubilación
alumnos-estudantes-instituto-educacion
15 Oct 2026

O profesorado galego de Filoloxía Clásica alerta da redución progresiva da oferta de Latín e Grego nos institutos e denuncia que en 47 centros de Galicia estas materias non se imparten de maneira presencial malia contar con docentes destas especialidades con horario dispoñible. Segundo un estudo realizado polo colectivo nun cento de institutos, máis de 200 estudantes interesados nestas materias están sendo derivados á educación a distancia.

A investigación constata tamén restricións na oferta de materias e optativas noutros 16 centros. O profesorado atribúe esta situación á redución de grupos, á amortización de prazas cando se producen xubilacións e á falta de cobertura das vacantes, mesmo de maneira provisional.

A CIG-Ensino trasladou esta problemática á Mesa Sectorial na que se negociou a orde da convocatoria do Concurso de Traslados e reclamou a recuperación inmediata da docencia presencial nos centros afectados. O sindicato considera que manter estes grupos sería posible sen un custo adicional para a Administración, xa que parte do profesorado afectado está realizando gardas ou impartindo materias afíns.

A organización sindical denuncia, ademais, a falta dun criterio uniforme á hora de autorizar grupos. Segundo explica, hai institutos nos que se permite formar unha clase cun ou dous estudantes, mentres que noutros se rexeita a súa creación mesmo cando hai catro persoas interesadas.

Esta situación afecta especialmente ao alumnado das zonas rurais, que se ve obrigado a modificar as súas preferencias académicas ou a cursar as materias a distancia a través do IES San Clemente. O centro, que recibe matrículas procedentes de toda Galicia, tamén estaría soportando unha elevada carga de alumnado derivada destas decisións.

Un dos casos sinalados é o do IES Marco de Camballón, en Vila de Cruces, onde a comunidade educativa protagonizou mobilizacións para reclamar a recuperación da praza docente que considera necesaria. Segundo relata a CIG-Ensino, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos asegurou, en resposta a unha consulta do sindicato, que a xubilación non fora amortizada, pero o alumnado afectado continúa sen profesor ou profesora.

O sindicato advirte de que esta situación pode comprometer o futuro do Bacharelato de Humanidades neste centro e noutras localidades galegas, ao limitar as posibilidades de cursar presencialmente unhas materias fundamentais para esta modalidade educativa.

A amortización de prazas por xubilación e a falta de cobertura das vacantes están a provocar tamén, segundo a CIG-Ensino, a desaparición de departamentos unipersoais de Latín e Grego, a itinerancia do profesorado entre varios institutos e a asignación destas materias a docentes doutras especialidades.

Os datos da adxudicación definitiva de vacantes provisionais para este curso reflicten esta situación. No caso de Grego, asignáronse seis prazas a profesorado da propia especialidade, fronte a doce vacantes correspondentes a outras especialidades que incluían Grego como materia afín. En Latín, o número de docentes da especialidade con vacante provisional para todo o curso foi de 53, mentres que outras 37 prazas correspondían a profesorado doutras especialidades que completaba o seu horario con esta materia.

Ante este escenario, a CIG-Ensino solicita á Consellaría de Educación que garanta prazas a xornada completa para o profesorado de Clásicas, permita completar os horarios con máis materias afíns e paralice a amortización das vacantes derivadas das xubilacións mentres exista demanda educativa.

O sindicato considera contraditorio que, malia a falta de profesionais titulados nestas especialidades, tanto en Galicia como no resto do Estado, se estea restrinxindo a súa presenza na Educación Secundaria e no Bacharelato. Segundo denuncia, as listaxes de contratación de Latín e Grego teñen que abrirse varias veces ao longo do curso por falta de persoal para cubrir substitucións, chegando mesmo a eximirse o requisito do Mestrado de Formación do Profesorado nalgúns casos.

Para analizar a situación, coordinar posibles mobilizacións e definir as próximas actuacións, o profesorado de Clásicas de Galicia celebrará unha asemblea este venres, 16 de outubro, ás 17.30 horas, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

0.40153503417969