O profesorado do CIFP Ánxel Casal reclama medidas urxentes para garantir unha FP pública de calidade

O profesorado do CIFP Ánxel Casal denuncia o deterioro das condicións de ensino no centro e reclama á Consellería de Educación medidas urxentes para garantir unha Formación Profesional pública, inclusiva e de calidade.
Entre as principais demandas figura a redución das ratios de alumnado por aula, co obxectivo de ofrecer unha atención máis personalizada e mellorar a formación práctica, especialmente relevante nos ciclos de FP.
O colectivo tamén solicita a dotación dunha segunda praza de orientación educativa. Segundo sinala, o actual volume de alumnado e a diversidade das necesidades existentes fan insuficiente o servizo actual, o que dificulta unha atención axeitada tanto ao estudantado como ao profesorado.
Outra das reivindicacións céntrase na supresión do réxime modular, especialmente no ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia. O profesorado advirte de que esta decisión deixa a parte do alumnado sen opcións para rematar os estudos xa iniciados e reduce as posibilidades de formación para persoas adultas, traballadoras ou desempregadas que precisan compatibilizar a súa vida persoal, laboral e académica.
Ademais, o profesorado expresa o seu rexeitamento á denominada orde de 'Neutralidade Ideolóxica', ao considerar que pode introducir mecanismos de control innecesarios sobre a actividade docente e limitar a liberdade de cátedra, a autonomía pedagóxica dos centros e o desenvolvemento dunha educación baseada no pensamento crítico, os dereitos humanos e os valores democráticos.
O colectivo sostén que estas decisións afectan tanto ás condicións laborais do persoal como ao dereito do alumnado a recibir unha educación pública adaptada ás súas necesidades.