O profesorado galego plántase para recuperar dereitos e reclamar un ensino público con futuro

A folga convocada pola CIG-Ensino alcanzou un seguimento do 60%, o máis elevado dos últimos anos, e levou a milleiros de docentes, alumnado e ANPAS ás rúas de Compostela para reclamar dereitos laborais e un ensino público de calidade.
Folga Educacion
26 Sep 2025

O profesorado galego protagonizou este xoves unha xornada de folga baixo o lema “Recuperar e Avanzar en Dereitos. Por un ensino público galego con futuro”. A mobilización, convocada pola CIG-Ensino, rexistrou un seguimento que a central sindical cifra no 60%, a porcentaxe máis elevada dos últimos anos, con especial incremento en infantil e primaria respecto dos paros de 2023.

Milleiros de docentes, alumnado e ANPAS sumáronse á manifestación que percorreu as rúas de Compostela desde a Praza de Cervantes ata San Caetano, sede da Consellaría de Educación.

A secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, destacou que a resposta foi “a máis contundente dos últimos anos” e advertiu que o profesorado “non vai permitir censuras nin imposicións” no seu labor docente. Na lectura do manifesto, as representantes sindicais denunciaron quince anos de recortes acumulados e alertaron das últimas medidas da Xunta, como a supresión de RAOGAL ou a eliminación das licenzas por formación retribuídas.

Entre as principais demandas figuran a redución do horario lectivo —25 horas en infantil e primaria e 18 no resto de ensinanzas—, a diminución de ratios en todas as etapas, máis persoal de apoio para atender a diversidade, a eliminación da burocracia innecesaria e o recoñecemento salarial e profesional do labor docente.

A mobilización puxo tamén o foco na precarización do persoal substituto, na masificación dos institutos e no abandono do alumnado máis vulnerable, ademais de criticar o incremento do gasto en propaganda fronte ao estancamento do investimento en profesorado desde 2009.

Segundo Arroxo, a folga é “xusta e necesaria” e supón un punto de inflexión: “Hoxe demostramos que xuntas somos máis fortes. Non pararemos até recuperar o que é noso e avanzar en dereitos”.

⚙ Configurar cookies
0.32817792892456