O programa Apego ofrece máis de 20 actividades na súa programación de primavera en Pontevedra

A iniciativa inclúe propostas para familias con crianzas de 0 a 6 anos co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito familiar.
Apego
1 Apr 2026

O Concello de Pontevedra abriu o prazo de inscrición para a programación de primavera do programa Apego, que inclúe máis de 20 actividades dirixidas a familias con crianzas de 0 a 6 anos.

A oferta estrutúrase en dous bloques: ‘Apego na primavera’ e ‘Seres máxicos da nosa mitoloxía’, con propostas que se desenvolverán entre abril e xuño en distintos puntos do municipio.

As persoas interesadas poden formalizar a preinscrición a través da web apuntate.pontevedra.gal, tendo prioridade aquelas familias que xa forman parte do programa. Ademais, quen desexe adherirse pode informarse en apego.gal ou contactar co servizo de Normalización Lingüística do Concello.

O obxectivo principal destas actividades é favorecer que a cativada adquira o galego de maneira natural no ámbito familiar, así como ofrecer recursos ás nais e pais para fomentar o seu uso e crear espazos de socialización na lingua propia.

O programa ‘Apego na primavera’, que comezará o 10 de abril, inclúe sesións de música, contacontos, movemento, danza, ioga en familia e propostas creativas adaptadas a diferentes idades, desde bebés ata crianzas a partir de 4 anos.

Pola súa banda, ‘Seres máxicos da nosa mitoloxía’ desenvolverase entre o 12 de abril e o 14 de xuño con cinco sesións en diferentes parroquias como Cerponzóns, Lérez, Marcón, Tomeza e Salcedo. As actividades combinarán contacontos, obradoiros de debuxo e artesanía, así como unha introdución á antropoloxía da cultura galega, cun enfoque interxeracional e lúdico.

Na programación participarán diferentes profesionais e colectivos culturais como María e Carme da Pontragha, Laura Martínez Rey, Pablo Díaz, Alma Blanco, Alouette Machine, Myriam Viéitez, Daniel Galiñanes, Colectivo Xurelo e Ab Origine.

0.27766609191895