O programa “Compostela máis Solidaria” bota o peche con dúas sesións de cine ao aire libre

A novena edición do programa “Compostela máis Solidaria” remata con dúas sesións de cine de rúa, cunha selección de curtametraxes para público familiar que convida a reflexionar e mirar o mundo con outros ollos.
Cine aire libre
20 Jul 2025

O programa “Compostela máis Solidaria” pecha a súa novena edición cunha proposta cultural e reflexiva para todos os públicos: dúas sesións de cine ao aire libre que levan por lema “mirar o mundo con outros ollos”. A actividade desenvolverase o martes 29 de xullo, ás 18.30 h no xardín do Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, e o mércores 30 de xullo, ás 20.00 h no parque Avío de Abaixo, ao carón do Centro Sociocultural do Romaño. A entrada será libre e gratuíta.

A iniciativa, organizada pola Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Unidade Municipal de Atención ás Migracións (UAMI), centrou nesta edición a súa atención na loita contra a desinformación, os bulos e os discursos de odio, promovendo espazos de reflexión para avanzar cara a unha sociedade máis tolerante, crítica e solidaria.

Ao longo dos últimos meses, desenvolvéronse diversas actividades, como a “Escola de Activismos”, con obradoiros sobre comunicación transformadora, xornalismo de investigación e creación de novas narrativas sociais. Tamén tivo lugar o “Escoitadoiro”, un espazo de diálogo con profesionais e voluntariado migrante da ONGD Ecos do Sur, para dar voz a experiencias reais e promover a empatía.

As sesións de cine de rúa que botan o peche ao programa están pensadas para o público familiar e contarán cunha selección de curtametraxes que fomentan a reflexión compartida e a sensibilización social. Trátase dunha oportunidade para vivir o cine como ferramenta educativa e transformadora, nun ambiente accesible, ao aire libre e pensado para todas as idades.

⚙ Configurar cookies
0.2076358795166