O programa +Emprega permitirá que 68 mozos da provincia teñan unha primeira experiencia laboral

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno acaba de aprobar a relación de concellos da provincia que se beneficiarán do proxecto +Emprega nos Concellos. Grazas a un investimento de máis dun millón de euros da institución provincial, “un total de 68 mozos desempregados da provincia poderán ter unha primeira experiencia laboral na modalidade de contratos formativos, dun ano de duración, e comezando a partir do 15 de xaneiro de 2027”, sinalou o presidente provincial, que valorou que proxectos como este “buscan mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia e que os mozos teñan oportunidades no noso territorio”.
Os contratos terán contías que oscilan entre os 1.000 euros das persoas con ciclos medios de formación profesional ata os 1.400 euros das persoas licenciadas”, pasando polos 1.200 euros que recibirán os graduados en ciclos superiores de FP. Dos 68 contratos solicitados 11 correspóndense con ciclos medios de FP, 17 con ciclos superiores de FP e outros 40 con licenciaturas, graos ou diplomaturas.
En concreto, os concellos nos que se realizarán estas contratacións serán os seguintes: A Caniza (2 contratos), A Guarda (2), A Illa de Arousa (2), Barro (2), Bueu (1), Caldas de Reis (2), Cangas de Morrazo (3), Catoira (2), Covelo (1), Forcarei (2), Marín (3), Meaño (2), Moaña (3), Mondariz Balneario (1), Moraña (2), Nigrán (3), O Porriño (3), O Rosal (2), Ponteareas (1), Portas (1), Redondela (1), Ribadumia (2), Rodeiro (1), Salvaterra do Miño (3), Sanxenxo (3), Silleda (2), Soutomaior (2), Tomiño (3), Valga (2), Vila de Cruces (1), Vilaboa (2), Vilagarcía de Arousa (3), Vilanova de Arousa (3).
O programa +Emprega nos Concellos ten como obxectivo promover a inclusión social e a creación de emprego de calidade, así como o fomento da empregabilidade da cidadanía pontevedresa, dotando os mozos e mozas da provincia dunha primeira experiencia profesional mediante un contrato de traballo formativo de ata un ano de duración a tempo completo. A través desta experiencia búscase que adquiran competencias e habilidades tanto sociais como profesionais, ademais de romper a barreira que ten a mocidade para acceder a postos cualificados por falta de experiencia.