O programa Van polo Clima chega ao campo de voluntariado Rural Influencers

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, participou hoxe no campo de voluntariado Rural Influencers, no CEIP Plurilingüe Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, para acompañar ás mozas e mozos que realizan diferentes accións da iniciativa Van polo Clima. Animounos a implicarse activamente na loita contra o cambio climático e no coidado do medio ambiente, actuando de forma responsable en todos os ámbitos da súa vida cotiá.
As actividades, dirixidas a persoas de entre 18 e 30 anos, inclúen conversas sobre temas ambientais e xogos de preguntas e respostas para afondar en conceptos climáticos e reflexionar sobre eles. O obxectivo é promover prácticas sostibles tanto nas tarefas diarias como no lecer, desde festivais de música ata campamentos de verán.
A responsable autonómica lembrou que a furgoneta rotulada de Van polo Clima xa estivo presente en festivais como O Son do Camiño (Santiago de Compostela), PortAmérica (Portas), Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa) ou Morriña Fest (A Coruña), e que a finais de mes acudirá ao Festival da Luz (Boimorto). Ademais, este verán a iniciativa chegará a tres campos de voluntariado e doce campamentos de ocio e tempo libre, repartindo agasallos como toallas, gorros ou pulseiras.
O programa, enmarcado en Xuventude polo Clima, prevé chegar a máis de 5.000 mozas e mozos de Galicia ou residentes no exterior que visiten a comunidade. Tamén serve para difundir a primeira edición dos Premios Chico/a polo Clima, destinados a recoñecer iniciativas xuvenís con impacto positivo no clima galego nos ámbitos social, empresarial, investigador, cultural ou artístico.