O PSdeG acusa á dirección da CSAG-CRTVG de vulnerar dereitos fundamentais do persoal de “Defende A Galega”

O Grupo Parlamentario Socialista acusou á dirección da CSAG -antiga CRTVG- de vulnerar os dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras que participan no movemento “Defende A Galega”.
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta formulou esta denuncia na Comisión de Control do Parlamento tras coñecerse unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que ratifica a vulneración de dereitos dunha traballadora e obriga a repoñela no seu posto, ademais de recoñecer unha indemnización por danos morais.
Dacosta esixiulle á directora xeral do ente público que “asuma responsabilidades” e criticou que a súa resposta pase por “mirar para outro lado” en lugar de analizar a situación e introducir cambios. “O mínimo que se espera é vontade de corrección, non negación nin continuidade”, afirmou.
Segundo explicou, o tribunal confirmou que a traballadora fora represaliada ao ser trasladada do seu posto tras participar no movemento de protesta contra a manipulación informativa nos medios públicos. Este colectivo reclama, entre outras cuestións, independencia profesional, pluralismo informativo e o cumprimento da Lei de Medios Públicos.
A parlamentaria socialista advertiu de que esta sentenza non é un caso illado, senón que responde, ao seu xuízo, a un “modus operandi escandaloso, indignante e ilegal”.
Neste sentido, lembrou que a dirección do ente acumula “centos de procedementos laborais perdidos” ao longo dos últimos anos, no contexto dun conflito laboral que inclúe máis de 400 “venres negros” de mobilización por parte dos profesionais.
Dacosta sinalou que a CRTVG está a acumular sentenzas relacionadas con despedimentos improcedentes, irregularidades na contratación e vulneración de dereitos fundamentais, o que considera incompatible co funcionamento dun medio público.
Finalmente, advertiu de que non se poden adoptar decisións que impliquen represalias contra a actividade reivindicativa, sindical ou xudicial das persoas traballadoras, xa que iso vulnera principios básicos do ámbito laboral e democrático.