O PSdeG acusa á dirección da TVG de desprotexer a propiedade intelectual dos proxectos recibidos

O Grupo Socialista denunciou que a TVG non conta con mecanismos que garantan a protección dos formatos que recibe, tras a demanda por presunto plaxio do produtor vasco Ibon Uzkudum polo programa 'Vaia Troula'
Silvia Longueira
1 Dec 2025

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CSAG —antiga CRTVG—, Silvia Longueira, acusou á dirección da TVG de desprotexer a propiedade intelectual dos proxectos que distintos profesionais presentan ao medio público. Longueira reclamou a elaboración dunha normativa que salvagarde os formatos e ideas que chegan á canle autonómica, proposta á que a directora xeral se opuxo.

A intervención da deputada produciuse a raíz da demanda presentada polo produtor vasco Ibon Uzkudum, quen acusa á TVG de plaxiar o seu formato Jai Giro no programa Vaia Troula. Segundo explicou Longueira, Uzkudum presentara en San Marcos unha copia do seu proxecto co obxectivo de chegar a un acordo para adaptalo en Galicia. Non obstante, meses despois, familiares galegos alertárono de que en antena se emitía un programa cun formato e unha caracterización practicamente idénticos.

A demanda, pendente de resolución na Audiencia Provincial da Coruña, non busca —apuntou Longueira— unha compensación económica, senón o recoñecemento dun traballo creativo que considera apropiado sen autorización.

A deputada lembrou que este non é o primeiro caso de proxectos supostamente plaxiados no ente público. Criticou que a xerencia da CSAG rexeite establecer un protocolo que protexa os formatos recibidos e que se limite a responder que “quen se considere plaxiado que denuncie”.

O caso remóntase a 2009, cando o produtor entregou o seu proxecto á responsable de programas da TVG. Esta comprometeuse a retomaren o contacto para valorar unha colaboración. Porén, pasado un tempo, os seus familiares chamárono convencidos de que era el quen aparecía presentando Vaia Troula, dado o parecido co seu formato orixinal, o que o levou finalmente a presentar a demanda por apropiación dos dereitos de propiedade intelectual.

⚙ Configurar cookies
0.23050808906555