O PSdeG acusa a Rueda de agravar o “dumping fiscal” con máis rebaixas aos máis ricos

A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu este xoves que o goberno de Alfonso Rueda está a incrementar as rebaixas fiscais ás rendas máis altas, seguindo e mesmo intensificando a senda iniciada por Alberto Núñez Feijóo. Fíxoo durante a comparecencia da directora da Axencia Tributaria de Galicia no Parlamento galego, onde criticou que a Xunta esixa máis recursos ao Estado mentres recorta os seus propios ingresos.
Segundo a deputada socialista, esta estratexia fiscal da Xunta "imita cada vez máis o dumping fiscal agresivo" practicado por outras autonomías gobernadas polo PP, especialmente Madrid. Iglesias reclamou recuperar un equilibrio entre ingresos e gastos que garanta o financiamento dos servizos públicos esenciais.
A socialista alertou de que, segundo datos do Consello de Contas, os beneficios fiscais supuxeron 583 millóns de euros en 2023 e engadiu que este ano Galicia deixará de ingresar outros 107 millóns de euros polas novas bonificacións fiscais. Criticou ademais que o goberno galego non saiba avaliar o impacto real destas medidas nos sistemas de sanidade, educación ou servizos sociais.
Patricia Iglesias apoiou o incremento das tarefas de inspección e loita contra o fraude fiscal, pero puxo o foco sobre o "descontrol" existente nos dereitos pendentes de cobro. "Temos débedas metidas no caixón e non podemos calcular o que se lle adebeda a Galicia polos suxeitos pasivos da Axencia Tributaria", lamentou.