O PSdeG acusa a Rueda de “hipocrisía política” ao premiar a lingua e a sanidade mentres as recorta

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “hipocrisía política” na entrega das Medallas Castelao esta fin de semana. “Poñer medallas cunha man mentres coa outra utiliza a esquiladora contra a lingua e a sanidade é insultar á intelixencia da cidadanía”, asegurou.
Méndez criticou que se premie a defensa da lingua por parte do ex presidente da Real Academia Galega mentres o PP “leva anos atacando o galego”, bloqueando o seu uso no Congreso, no Senado e na Eurocámara, e deixándoo nunha situación “de abandono sen precedentes”.
Tamén sinalou a homenaxe a unha profesional da atención primaria mentres a Consellería de Sanidade “desmantela os centros de saúde por vontade política”, deixando os servizos públicos “sen persoal, sen recursos e sen futuro”.
A socialista acusou a Rueda de presentarse como “centrista moderado” mentres “se rende ao trumpismo de Ayuso” e mantén pactos con Vox. “En Galicia temos un dous por un: a dereita e a extrema dereita xa están incluídas no PP”, afirmou.
Sobre a denuncia ao conselleiro do Mar por presunta agresión sexual, lamentou que o PP esixa presunción de inocencia sen ter “nin o máis mínimo respecto” pola denunciante, e ao tempo non pida desculpas polas falsas acusacións contra Gómez Besteiro, arquivadas pola Xustiza.
Finalmente, advertiu sobre a xestión dos incendios forestais e a intención da Xunta de eliminar a moratoria para plantar eucaliptos. “A loita contra o lume está a ser externalizada con modelos precarios e sen previsión”, denunciou.