O PSdeG acusa á Xunta de afundir Galicia no caos eólico e esixe explicacións inmediatas no Parlamento

A deputada do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, denunciou hoxe que Galicia vive “un auténtico caos eólico” como consecuencia directa da “ausencia dunha política de transición ecolóxica e industrial recoñecible” por parte da Xunta, gobernada polo Partido Popular desde hai máis de 16 anos.
A socialista advertiu que xa hai máis de 80 parques eólicos suspendidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, moitos deles por non cumprir cos requisitos de sustentabilidade ambiental. “Isto sucede porque o goberno galego comezou a casa polo tellado”, explicou, lembrando que o Plan Sectorial Eólico vixente é do ano 1997. “Agora anuncian un novo plan que, con sorte, veremos no ano 2029”, ironizou.
Iglesias lamentou que a Xunta actúe “de costas á veciñanza, aos concellos e mesmo ao propio sector eólico”, e criticou que as improvisacións sexan constantes. Ademais, sinalou que esta mesma semana o TSXG ditou novas providencias que confirman máis suspensións por motivos ambientais.
A parlamentaria socialista tamén advertiu que a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre o parque do Campelo “non resolve nada, pois trata dun caso illado e dun aspecto procedemental sobre a fragmentación dos proxectos”.
Por iso, Iglesias defendeu que “non vale dicir que non a todo nin xestionar sen planificación”, e reivindicou que a enerxía eólica “é limpa e necesaria para a transición enerxética”, mais debe implantarse “con garantías xurídicas, respecto ambiental e participación social real”.
O Grupo Socialista vén de rexistrar novas iniciativas na Cámara galega para que a Xunta dea explicacións urxentes e presente dunha vez unha folla de ruta seria, transparente e con futuro para Galicia.