O PSdeG acusa á Xunta de bloquear 8,3 millóns en prevención de incendios

O grupo socialista denuncia que a Xunta mantén sen executar dende xaneiro fondos europeos destinados a infraestruturas e subvencións de prevención, e pedirá a comparecencia de Rueda en setembro.
Besteiro Incendios
21 Aug 2025

O PSdeG denunciou este mércores que a Xunta de Galicia mantén desde xaneiro bloqueados 8,3 millóns de euros en fondos europeos de prevención de incendios forestais, o que impediu executar traballos esenciais nun verán marcado pola vaga de lumes que arrasou milleiros de hectáreas.

A deputada socialista Carmen Dacosta explicou que a Consellería do Medio Rural non resolveu dúas liñas clave:

2,99 millóns de euros para obras de infraestruturas de prevención, repartidos en nove lotes aínda sen adxudicar.

5,4 millóns de euros en subvencións para actuacións preventivas (480 expedientes presentados), tamén pendentes de resolución.

“Estamos a falar de desbroces, cortalumes, pistas forestais… tarefas que deberían estar feitas desde a primavera e que hoxe, sinxelamente, non existen sobre o terreo. É desolador ver que moitas desas actuacións estaban previstas precisamente en zonas que agora arden”, denunciou Dacosta.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que a prioridade inmediata segue sendo apagar os lumes, garantir a seguridade da veciñanza e apoiar ás familias afectadas. Con todo, anunciou que, unha vez superada a emerxencia, o presidente Rueda deberá render contas pola súa xestión e pola dispoñibilidade real de medios.

Neste sentido, Besteiro confirmou que o PSdeG rexistrará a petición de comparecencia de Alfonso Rueda no primeiro pleno de setembro, a fin de que dea explicacións públicas no Parlamento sobre a súa actuación ante a vaga de incendios.

⚙ Configurar cookies
0.32276201248169