O PSdeG acusa á Xunta de carecer dunha política audiovisual e limitarse a “administrar subvencións”

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou á Xunta de Galicia de non contar cunha verdadeira política audiovisual e de limitarse a “administrar subvencións” sen unha estratexia que permita consolidar o sector.
Así o expresou durante a comparecencia do director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais en Comisión parlamentaria, onde cualificou as liñas de apoio ao audiovisual galego de “insuficientes e fragmentadas”.
Longueira sinalou que o modelo actual non permite dar o salto necesario para fortalecer a industria, advertindo de que o sector “non necesita sobrevivir, necesita medrar”, o que require máis recursos, planificación e ambición por parte da Administración autonómica.
A deputada socialista reclamou un “proxecto de país á altura do talento de Galicia” fronte ao que considera un modelo disperso, baseado en pequenas convocatorias que non permiten competir con outras comunidades.
Neste sentido, advertiu que mentres outros territorios avanzan na captación de rodaxes, na consolidación de empresas e na creación de emprego estable, en Galicia o sector continúa marcado pola precariedade e pola saída de talento.
Longueira tamén criticou o papel da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), asegurando que non está a exercer como motor do sector, e sinalou a “contradición” dun Goberno que presume de apoio ao audiovisual sen acompañalo do investimento necesario.
A portavoz socialista defendeu a necesidade de incrementar o investimento público, apostar por proxectos de maior escala e establecer unha planificación a medio e longo prazo, reforzando ademais o papel estratéxico da CSAG.
Finalmente, concluíu que Galicia debe apostar pola ambición no ámbito audiovisual, advertindo de que o problema non reside no talento do sector, senón na falta de iniciativa do Goberno galego.