O PSdeG acusa á Xunta de "desleixo" na loita contra incendios

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a falla de política de prevención de incendios da Xunta provoca que “queden traballos preventivos que continúan executándose e outros que aínda non comezaron” a oito de setembro. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que garanta medios humanos, económicos e organizativos aos pequenos concellos e os propietarios, que o PP anunciou que votará en contra.
Dacosta denunciou que logo dos incendios de 2025, e malia o compromiso do presidente da Xunta para garantir a xestión da biomasa nos concellos de menos de 10.000 habitantes, que non dispoñen de recursos propios, a día de hoxe “non houbo o cambio na planificación preventiva que esixe a gravidade dos lumes”. Criticou que o desleixo do goberno galego provoca “falta de anticipación, medios insuficientes, carga administrativa e traballo sen facer”.
Acusou ao goberno galego de descargar a responsabilidade da limpeza dos montes nos particulares e nos concellos que “non teñen persoal, capacidade técnica nin recursos económicos para xestionar miles de parcelas, quilómetros de faixas e decenas de núcleos de poboación”.
Criticou que malia o incremento un 76 por cento das zonas de alta actividade incendiaria -de 157 a 276- e da obriga a xestionar as faixas secundarias antes do 31 de maio, a Xunta segue negando os recursos para despregar unha política de prevención eficaz. Criticou que “a Xunta planifica, anuncia e clasifica, pero cando chega o momento de executar, faltan medios, os traballos chegan tarde e a responsabilidade acaba novamente sobre os concellos”.
A parlamentaria socialista advertiu que ao comezo do verán só realizaran actuacións preventivas en 70 das 276 parroquias sinaladas no Pladiga pola alta actividade incendiaria, e a día de hoxe en concellos como A Gudiña a empresa Seaga realizou este verán actuacións correspondentes ao ano 2025, mentres en Coles aínda non comezaron coas labores preventivas.
Explica que o convenio para a limpeza de faixas “non funciona”, como recoñecen os propios alcaldes do PP, como o de Muíños, que sinala que as empresas de desbroce están saturadas, e define a situación como un “querer e non poder”, ou o da Mezquita, que resumiu que o convenio “está en bragas”.
Dacosta reclamoulle ao goberno galego que cumpra co compromiso de Rueda e garanta a xestión en prazo da biomasa nas faixas secundarias de protección nos concellos pequenos. Tamén pediu a revisión, xunto cola Fegamp, do convenio de xestión da biomasa coa empresa pública Seaga para “garantir un sistema máis eficaz, dotado de recursos humanos, económicos e organizativos para executar as actuacións preventivas en prazo”, antes do 31 de maio.
Tamén reclamou un sistema público de planificación, seguimento, avaliación e transparencia das actuacións preventiva desenvolvidas nas parroquias priorizadas e nas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria -PAAI-. Finalmente, pediu información anual no Parlamento sobre o grao de execución das actuacións preventivas nas zonas sensibles desagregadas por concello, parroquia e distrito forestal.