O PSdeG acusa á Xunta de limitar a loita contra a pobreza infantil a medidas paliativas

Silvia Longueira criticou a falta de políticas estruturais da Xunta para garantir os dereitos da infancia e denunciou que as medidas actuais só “maquean” a situación da pobreza infantil en Galicia.
Silvia Longueira
19 Dec 2025

O Grupo Socialista sinalou que a Xunta de Galicia limita as súas políticas contra a pobreza infantil a “medidas paliativas para maquear a situación e seguir tirando”, segundo afirmou a portavoz de Mocidade, Silvia Longueira.

A parlamentaria fixo estas declaracións durante a comparecencia do director xeral de Infancia para dar conta da implantación en Galicia da Garantía Infantil Europea, onde criticou a ausencia de políticas estruturais por parte do Goberno galego para garantir os dereitos da infancia.

Longueira reclamou un enfoque estrutural e transversal nas políticas de infancia impulsadas desde Galicia e reprochoulle á Xunta que deixe as medidas de fondo contra a pobreza infantil en mans do Goberno de España, da Unión Europea ou dos concellos. Neste sentido, afeoulle que a maior parte dos 140 millóns de euros previstos na planificación da Garantía Infantil Europea procedan de fondos europeos.

Ademais, advertiu da falta dunha avaliación polo miúdo do impacto real das medidas aplicadas pola Xunta, que —segundo indicou— continúa sen explicar que actuacións parten da Comunidade Autónoma e cales derivan doutras administracións.

A deputada socialista explicou que en Galicia hai actualmente 58.000 menores en situación de pobreza, o que representa o 13 % da poboación de entre 0 e 18 anos. Así mesmo, puxo en cuestión a “falla de modelo” do PP en materia de infancia, baseado —segundo sinalou— en “bonos familia, tarxetas benvida e unha pseudo gratuidade das escolas infantís”.

Neste contexto, subliñou que “a escolarización total non é un modelo, é un obxectivo”, e defendeu que o descenso da pobreza infantil en Galicia está ligado ás medidas impulsadas polo Goberno de España, como a suba do salario mínimo —fronte á oposición do PP—, a reforma laboral, que achega maior estabilidade ao emprego precarizado e feminizado, e o Ingreso Mínimo Vital.

⚙ Configurar cookies
0.34529304504395