O PSdeG acusa á Xunta de negar o colapso sanitario mentres a veciñanza sae á rúa

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia denunciou este sábado o deterioro da sanidade pública, especialmente na atención primaria, e acusou á Xunta de negar o colapso asistencial mentres a cidadanía se mobiliza para reclamar unha atención digna.
A viceportavoz socialista, Elena Espinosa, sinalou que esta semana o conselleiro de Sanidade negaba a saturación dos centros de saúde, ao tempo que veciños de concellos como Vilalba e A Pontenova saían á rúa para protestar. Tamén alertou da situación en Fornelos de Montes e Pazos de Borbén, onde non hai médicos de familia, e lamentou que o novo centro de saúde de Vigo non conte con máis persoal, senón que se nutra de profesionais doutros ambulatorios, o que provocará peches.
Espinosa criticou que a resposta do Goberno galego sexa a censura, prohibindo ao persoal sanitario colocar carteis reivindicativos. “O plan de verán da Xunta parece consistir en desmantelar o que xa non funcionaba ou en cruzar os dedos para que o outono chegue axiña”, ironizou. E advertiu de que o problema persistirá mentres non se dote de recursos humanos e materiais aos centros sanitarios.
Tamén advertiu sobre a falta de mantemento nas infraestruturas, facendo referencia ao terceiro desprendemento de teito no hospital materno infantil de Ourense.
Pola súa banda, a deputada Carmen Rodríguez Dacosta cualificou a situación como “unha política de caos” e denunciou que a Xunta pon en risco a profesionais, mulleres e crianzas. Criticou o abandono das instalacións e a improvisación coa que se xestiona a sanidade. Esixiu un plan serio con prazos e investimentos reais, ademais de responsabilidades políticas ante a situación no hospital ourensán.