O PSdeG acusa á Xunta de non actuar fronte á discriminación estrutural das mulleres na Policía Local

A portavoz de Igualdade e Política Institucional do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou á Xunta de Galicia de non adoptar ningunha medida real para abordar a discriminación estrutural que sofren as mulleres no acceso á Policía Local. Segundo explicou, representan menos do 10% dos efectivos en Galicia e non se está a cumprir coa obrigación legal de incorporar a perspectiva de xénero nas probas de acceso ao emprego público.
Castro reclamou a elaboración dun Plan Galego de Igualdade para as policías locais, con medidas de acción positiva, revisión das probas de acceso con perspectiva de xénero e campañas que rompan estereotipos. Así mesmo, pediu garantir contornas laborais seguras e igualitarias, onde se loite contra o acoso e a falta de oportunidades.
Durante a mesma intervención, criticou tamén a xestión dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que cualificou como “un marrón” para a Xunta, con medios precarios, persoal insuficiente e vehículos obsoletos. Denunciou a falta de execución do convenio asinado coa Fegamp e as deputacións, e puxo como exemplo a falta de cobertura no interior da provincia de Pontevedra, onde os GES de A Lama e Moraña aínda non foron activados.