O PSdeG acusa á Xunta de ocultar a realidade das listas de espera sanitarias

Elena Espinosa denuncia no Parlamento que a Xunta falsea os datos das listas de espera e afonda no colapso sanitario, mentres os profesionais traballan con precariedade e sen apoio institucional.
Elena Espinosa
9 Apr 2025

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe á Xunta de “remar en contra” do traballo dos profesionais sanitarios e de converter as listas de espera no “burato negro da xestión da sanidade galega”. Fíxoo no Pleno do Parlamento, onde presentou unha interpelación ao conselleiro de Sanidade reclamando medidas efectivas para mellorar a situación.

Espinosa advertiu de que a Xunta presenta “datos falsos” que exclúen a moitas persoas que realmente están agardando por atención sanitaria. Aínda así, sinalou que os datos oficiais amosan un claro empeoramento: entre 2019 e 2024, os pacientes á espera dunha consulta aumentaron de 166.827 a 196.267, e os que agardan por unha intervención cirúrxica pasaron de 35.720 a 48.335. No mesmo período, as probas diagnósticas pendentes subiron de 84.976 a 113.606.

A parlamentaria socialista criticou a “autocompracencia” do conselleiro de Sanidade e a ausencia total de propostas para corrixir esta realidade. Lembrou que, segundo datos oficiais, hai 358.208 persoas rexistradas nas listaxes, pero a realidade podería ser moito peor.

Espinosa advertiu de que estas demoras son “inasumibles”, xeran desigualdade no acceso á sanidade e deterioran a saúde da poboación. Denunciou tamén o crecemento da sanidade privada, con máis dun 44,5 % dos galegos que contratan seguros por mor das listas de espera.

Concluíu citando á Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, que sinala a falta de interese dos gobernos do PP pola sanidade pública e advertiu que “está claro quen ten vontade de defendela e quen a quere desmantelar”.

⚙ Configurar cookies
0.10804796218872