O PSdeG acusa á Xunta de ocultar que os lumes de agosto queimaron o 11 % da superficie protexida

A socialista Paloma Castro esixe un informe urxente, un Plan de restauración e máis recursos para a conservación dos espazos naturais, tras denunciar que os lumes afectaron a 37.819 hectáreas da Rede Natura 2000.
Paloma castro
24 Sep 2025

O Grupo Socialista acusou este martes á Xunta de Galicia de “ocultar e minimizar” o impacto dos incendios forestais de agosto, que segundo organizacións ecoloxistas queimaron 37.819 hectáreas da Rede Natura 2000, o que supón o 10,8 % da superficie protexida do país.

A parlamentaria Paloma Castro denunciou no Pleno do Parlamento a “opacidade e falta de transparencia” do goberno galego e presentou unha proposición non de Lei para esixir un informe urxente sobre a superficie afectada, un Plan de restauración e o reforzo dos recursos humanos e materiais destinados á conservación e xestión dos parques naturais.

Segundo Castro, a Xunta tratou de reducir a importancia da catástrofe cando o presidente asegurou que “só arderan pedras e matogueiras”, cando en realidade resultaron gravemente afectados espazos como o Parque do Invernadoiro, as Fragas do Eume, a Serra da Enciña da Lastra, Pena Trevinca, o Xurés ou o Courel.

A deputada socialista criticou que a conselleira de Medio Ambiente non fixera balance nin anunciase medidas de restauración, limitándose a falar de actuacións para o colectivo de cazadores. Tamén lembrou declaracións como as da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, que falou de “fogata” tras nove días de lume con 24.000 hectáreas arrasadas, ou dunha deputada do PP de Ourense que responsabilizou os bombeiros do GES dos incendios.

Castro advertiu que a conservación dos espazos protexidos é “crucial” para a biodiversidade, a regulación hídrica, a loita contra o cambio climático e o desenvolvemento sostible do rural. Por iso reclamou unha revisión profunda das políticas forestais e ambientais da Xunta, con medidas baseadas na prevención, restauración e planificación.

⚙ Configurar cookies
0.28452682495117