O PSdeG acusa á Xunta de “pervertir os fondos da dependencia para maquillar as listas de agarda”

A deputada socialista Silvia Longueira critica que o Goberno galego priorice prestacións económicas fronte a recursos estruturais e alerta de posibles consecuencias xurídicas.
Silvia Longueira
27 Feb 2026

O PSdeG acusou á Xunta de estar a utilizar os fondos da dependencia para “maquillar as listas de agarda” en lugar de reforzar estruturalmente o sistema público de coidados.

A deputada socialista Silvia Longueira respondeu no Parlamento á iniciativa defendida pola deputada popular Raquel Arias, lembrando que o PP presentou 14 recursos contra decisións do Goberno do Estado entre 2021 e 2024, entre eles o do Ingreso Mínimo Vital. “Non poden escandalizarse agora polo uso das ferramentas xurídicas cando as empregaron de maneira sistemática”, afirmou.

Longueira referiuse tamén á situación do chamado Plan de Choque en materia de dependencia, cuxo recurso continúa en tramitación no Tribunal Constitucional, aínda que se levantou a suspensión provisional. “O debate non é procesual, é político: se o modelo garante dereitos ou só busca baixar cifras rapidamente”, advertiu.

A parlamentaria cuestionou que a Xunta estea a priorizar prestacións económicas de 416 euros mensuais fronte a recursos estruturais como o Servizo de Axuda no Fogar ou as prazas residenciais. Ao seu xuízo, esta estratexia permite reducir números a curto prazo, pero pode xerar un problema maior no futuro.

“Teñan previsión. Se as persoas dependentes comezan a reclamar porque se lles está abonando unha contía inferior á que lles correspondería segundo valoración técnica e dereito recoñecido, a Xunta terá que facer contas do que lle pode custar”, advertiu.

Longueira concluíu que cumprir a Lei de Dependencia non é unha cuestión de mellorar posicións nun ranking, senón de garantir coidados axeitados, estabilidade para as familias e seguridade xurídica no sistema. “Falamos de persoas e dereitos, non de cifras”, remarcou.

0.35007405281067