O PSdeG acusa á Xunta de provocar un caos na función pública polo "abandono" dos empregados

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou á Xunta de “abandonar” aos empregados públicos provocando o “caos” na xestión da función pública. Iglesias interveu na comparecencia da directora xeral de Emprego Público no Parlamento, á que lle esixiu “planificación, estabilidade, carreira profesional, mobilidade, negociación e respecto” para estes traballadores e traballadoras.
Advertiu que “non se pode gobernar unha Administración de costas ao seu persoal e da negociación colectiva”, logo de anos sementando o “caos” pola falta de planificación na xestión do goberno galego. Iglesias acusou ao goberno galego da acumulación de concursos, ademais da coincidencia dos concursos de traslados, procesos selectivos, estabilizacións e promoción interna, ademais do “abuso” das comisións de servizos favorecendo á rede de favoritismos..
Responsabilizounos ademais da “inseguridade xurídica” que están a provocar en milleiros de empregados e empregadas públicos polo seu empeño en gobernar de costas ao persoal, sen atender ás súas condicións, que provocou a condena do TSXG deste pasado mes de xullo polo “abuso e concatenación fraudulenta de contratos temporais”.
Advertiu que o goberno galego ten unha axenda pendente na mellora das condicións das e dos empregados públicos, e reclamou a convocatoria dun concurso aberto e permanente de inmediato, a posta en marcha dunha promoción interna “periódica e previsible”. Tamén reclamou carreira profesional ordinaria e recuperar a negociación colectiva porque, dixo, “as persoas empregadas públicas non poden seguir sendo a última prioridade da Xunta”.