O PSdeG acusa á Xunta de ter “un merecumbé montado” co proxecto de vivendas de alugueiro social de Xuxán

A deputada socialista Silvia Longueira pediu á conselleira de Vivenda que actúe para protexer aos cooperativistas de Alquiler 50 e criticou a xestión de Galivivienda e Gesvieco.
Silvia Longueira
25 Sep 2025

O Grupo Parlamentario Socialista denunciou este mércores no Parlamento que a Xunta “ten un merecumbé montado” arredor do proxecto de vivendas de alugueiro social de Xuxán. A deputada Silvia Longueira interpelou á conselleira de Vivenda reclamándolle que “faga o seu traballo” para protexer ás persoas cooperativistas integradas en Alquiler 50.

Longueira criticou que a Consellería “non fai máis que enviar cartas” que, segundo dixo, “teñen confundidos a boa parte dos cooperativistas”, cando o que reclaman é que Galivivienda sexa apartada da xestión da cooperativa. Recordou que, tras o ICO paralizar os fondos polo baixo rating da entidade, esta constituíu a sociedade paralela Gesvieco “cos mesmos socios e o mesmo arquitecto”.

Segundo advertiu a parlamentaria socialista, os cooperativistas están alarmados ante a posibilidade de que o prezo do alugueiro pase de 500 a 1.000 euros. Pola súa banda, a Consellería responsabiliza ao Goberno central e aos fondos europeos MMR, sobre os que Longueira expresou dúbidas respecto á capacidade de xestión da Xunta.

A deputada referiuse tamén á reunión mantida polo eurodeputado socialista Nicolás González Casares cos afectados, na que lles trasladou de primeira man a situación dos fondos europeos. Longueira acusou á conselleira de Vivenda de deixar a xestión ao albur dunha Galivivienda que derivou aos cooperativistas a unha nova entidade “con prácticas pouco ortodoxas” e a través dun procedemento “cheo de fallos”.

⚙ Configurar cookies
0.37446022033691