O PSdeG acusa ao director da CRTVG de “desbotar unha xeración de xornalistas” tras 16 anos de censura e manipulación

O Grupo Socialista critica que o director da CRTVG abandona o cargo tras “desbotar unha xeración de xornalistas” e consolidar anos de censura e manipulación na televisión pública galega.
Silvia Longueira
19 Jun 2025

O Grupo Socialista sinala que o director xeral da CRTVG despídese logo de desbotar unha xeración enteira de xornalistas pola “censura, manipulación informativa e represión interna”

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Silvia Longueira, criticou que o director xeral do ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, abandone o seu cargo tras 16 anos marcados pola “censura, manipulación informativa e represión interna” que, segundo indicou, deixaron fóra do sistema a toda unha xeración de profesionais do xornalismo.

Na súa intervención na derradeira comparecencia do director para presentar a Memoria de 2024 no Parlamento, Longueira advertiu de que a chegada do PP ao Goberno galego supuxo “roubarlle a Galicia a oportunidade de ter unha televisión que nos represente, con información que non dea vergoña”.

A socialista asegurou que “centos de profesionais tiveron que emigrar mentres se construía unha TVG ao servizo do PP e non da cidadanía galega”. Segundo indicou, “unha televisión pública sen credibilidade é un fracaso institucional e unha traizón ao pobo que a financia”.

Como exemplo da falta de pluralidade, citou a cobertura do nomeamento da nova conselleira do Mar, que a CRTVG tratou como “un evento de despedida ao conselleiro investigado por un presunto delito de agresión sexual”.

Lembrou tamén que xa van “369 venres negros” impulsados pola plataforma Defende a Galega, que segue denunciando a manipulación informativa na CRTVG. Ademais, Longueira apuntou que a plantilla sofre un “clima laboral deteriorado, litixiosidade, redución de persoal e modificacións unilaterais das condicións de traballo”.

⚙ Configurar cookies
0.28432703018188