O PSdeG acusa ao PP de agochar os informes de inspección dos centros sanitarios e residenciais

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou este xoves ao Partido Popular de “agochar” os informes de inspección dos centros sanitarios e das residencias de maiores privadas e concertadas que operan en Galicia.
Espinosa denunciou o “escurantismo” do Goberno galego logo de que o PP rexeitase na Comisión de Economía unha proposta socialista que reclamaba a elaboración e presentación dun informe anual cos resultados das inspeccións realizadas nestes centros, así como o reforzo do persoal inspector da Xunta.
Durante o debate, a portavoz socialista ofreceu retirar a petición de aumento do corpo de inspección se o PP aceptaba, cando menos, a presentación pública dun informe anual co traballo realizado polos inspectores. Porén, segundo explicou, os populares tamén se negaron a esta opción. “Ou están a agochar algo ou están a faltar á verdade”, concluíu.
A deputada emprazou ás consellerías de Sanidade e de Política Social a tomaren en serio as denuncias coñecidas sobre presuntas irregularidades tanto en centros fóra de Galicia como dentro da comunidade. Subliñou que estas carencias afectan directamente á calidade da atención e á dignidade dos coidados que reciben persoas usuarias dun servizo especialmente sensible.
Espinosa referiuse a casos como as advertencias do Defensor del Pueblo sobre a situación do sanatorio A Robleda, no concello do Pino, ou ás deficiencias detectadas en diversas residencias de maiores. Entre elas citou o peche da vivenda comunitaria Xardín de Amoeiro e as denuncias en centros xestionados por Serge Lucense, como A Veiga, na Pobra de San Xiao, ou Galega de Servizos Xeriátricos, en Guntín.
Nestes centros, segundo indicou, puxéronse de manifesto presuntos incumprimentos das ratios mínimas de persoal de atención directa, así como queixas reiteradas de familiares e usuarios pola falta de profesionais, especialmente de auxiliares e persoal xeriocultor, como no caso da Residencia de Maiores de Castro de Rei.
A portavoz socialista advertiu da necesidade de contar cun sistema rigoroso de control e avaliación tanto nos centros públicos como nos privados ou concertados, co obxectivo de garantir unha atención de calidade con independencia de quen preste o servizo. Tamén alertou de que o incremento da externalización non foi acompañado dun reforzo equivalente do persoal inspector, pese a que a Xunta é a responsable última de velar pola calidade asistencial.